A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe esta intervención en Noia

A Xunta remata as obras da nova glorieta da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a Alameda de Noia, cun investimento de máis de 1,15 M€

Executouse unha nova glorieta, con calzada de carril único de 6 metros e con beiravías, e cun deseño que ten en conta a presenza de numerosas vivendas na súa contorna

Mellorouse un treito de 1,3 km da estrada autonómica, renovando a capa de rodaxe da travesía e redistribuíndo o ancho da vía co fin de habilitar un itinerario peonil accesible

Renováronse as beirarrúas entre a nova glorieta e a alameda, reorganizando a sección da estrada para evitar os aparcamentos indebidos

Noia (A Coruña), 13 de xuño de 2022

A Xunta rematou, cun investimento de máis de 1,15M€, as obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe esta intervención en Noia.

Destacou que se habilitou unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior.

Sinalou que a nova rotonda mellora as condicións de seguridade do cruce da Barquiña e favorece os movementos e xiros dos vehículos. Ademais, acondicionáronse os ramais de acceso á glorieta e renovouse o capa de rodaxe.

A intervención tamén comprendeu a mellora dun treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, entre a glorieta e a alameda de Noia, ademais da renovación da capa de rodaxe da travesía e a redistribución do ancho da estrada, habilitando un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

A actuación tamén incluíu a renovación de beirarrúas e supuxo a reorganización da sección transversal da estrada, na que antes da intervención localizábase un aparcadoiro, insuficiente en ambas as marxes, que provocaba que os vehículos subiran á beirarrúa e a deteriorasen.

Finalmente, á espera dalgúns remates das compañías subministradoras de electricidade e telecomunicacións, os traballos completáronse coa instalación de balizamento e sinalización horizontal e vertical.

A conselleira lembrou que a Xunta continúa avanzando na mellora das estradas, tendo mobilizado un investimento de 14,4M€ na estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes, que permitiu diminuír nun 60% a sinistralidade rexistrada en 50 quilómetros de puntos negros na rede autonómica de estradas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024