O espírito Ribeiro 2024 preséntase na Casa de Galicia en Madrid

Madrid, 13 de xuño de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na presentación da IV edición do Festival espírito Ribeiro que acollerán as vilas ourensás da Arnoia, Cenlle e Castrelo de Miño, unha marca experiencial que se articula ao redor de tres días de actividades (música, gastronomía, viños) e unha selección de expositores de Artesanía de Galicia nos tres concellos os próximos 28, 29 e 30 xuño.

Tras o éxito das anteriores edicións, este consolidado Festival presentouse onte, por primeira vez, en Madrid na Casa de Galicia, onde reuniu a máis de douscentos convidados entre os que se atopaban autoridades, medios de comunicación, así como representantes do sector enolóxico e gastronómico.

Non faltaron a esta cita autoridades como o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro; o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros Guinarte, e os alcaldes de Castrelo de Miño, da Arnoia e de Cenlle, Avelino Pazos, Rodrigo Aparicio e Rebeca Sotelo, respectivamente. Seguidamente, o viño D.O. Ribeiro e unha degustación dalgúns dos seus produtos gastronómicos locais mostraron o rico patrimonio enogastronómico da rexión.

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, definiu este festival como un escaparate idóneo para a promoción do viño galego e doutros produtos alimentarios locais. Destacou ademais que este tipo de xornadas facilitan o acceso dos produtores a un espazo expositivo e favorecen tamén os circuítos curtos de comercialización.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, en representación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que colabora na organización do festival Espírito Ribeiro apoiando a presenza de artesáns e da realización de obradoiros co fin de promover as súas creacións locais e o mercado de proximidade, así como de difundir o seu talento. Deste xeito, expuxo o director xeral, trátase de pór en valor o potencial do territorio do Ribeiro e de visibilizar a súa oferta artesanal e de emprendemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024