Xosé Merelles refírese á calidade turística como “obxectivo prioritario” da Xunta no horizonte 2030

No Parlamento de Galicia explicou os detalles do Plan no que a Xunta inviste 570.600 € e que, como novidade, incorpora as certificacións no Camiño de Santiago

Búscase que o sector turístico galego sumará 20 novas marcas Q de Calidade e 80 novas marcas S de Sustentabilidade e incrementarase un 23% a contía das axudas

Santiago de Compostela (A Coruña), 13 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, deu conta esta mañá na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia do Plan de Calidade e Sustentabilidade que o seu departamento está a executar en 2024. Esta planificación ten como obxectivo que Galicia consolide a súa posición de liderado en materia de certificacións de calidade e sustentabilidade turística e, de xeito especial, no Camiño de Santiago. Indicou, ademais, que esta calidade turística é, agora mesmo, “obxectivo prIoritario” da Xunta de Galicia no horizonte 2030, como así se plasmará na estratexia turística que se está a ultimar para os vindeiros anos.

“Galicia leva adiantándose durante anos, como pioneira á hora de acuñar o concepto de calidade no imaxinario colectivo daqueles que nos visitan, e dos propios galegos, coa idea de que Pensar en Galicia é pensar en Calidade, unha exitosa campaña publicitaria concibida no ano 1991 co lema “ GALICIA CALIDADE que agora tamén integramos ao abeiro de Turismo de Galicia e que leva ano sendo un dos nosos propósitos”, dixo.

Xosé Merelles explicou que, no que se refire a 2023, o seu departamento traballa para que este ano se acaden 20 novas marcas Q de Calidade e 80 novas marcas S de Sustentabilidade nas contornas xacobeas. E realízase a través do Plan de Calidade que, cun investimento de mais de medio millón de euros, persigue dar continuidade ao impulso das certificacións en Q de Calidade e S de Sostibilidade que, como novidade, intensificarase nas contornas xacobeas.

Nas contornas xacobeas

Así, no marco deste plan, o director de Turismo de Galicia salientou que se “van promover as certificacións en espazos singulares, oficinas de información turística, museos, instalacións náutico-deportivas, praias, transporte turístico, espazos naturais protexidos ou albergues, entre outros, situados nalgún dos itinerarios do Camiño de Santiago”. Ademais, tamén se poderán certificar coa S de Sustentabilidade turística os albergues da Rede Pública do Camiño de Santiago.

Xosé Merelles tamén explicou que está en marcha outra das medidas, xa que vén de abrirse o prazo para as axudas que apoian a establecementos e servizos turísticos nos procesos de certificación, seguimento e renovación das marcas Q e S cun incremento do nun 23% nesta edición e cuxo prazo está aberto ata o 8 de xullo.

Liderado en certificacións

Tamén se referiu ás marcas de “Q” e “S” tanto na xestión privada, a través de convenios co Clúster do Turismo de Galicia, como na pública, con acordos co ICTES. Durante a súa intervención parlamentaria, o director de Turismo de Galicia destacou que estas certificacións en calidade e sustentabilidade turística “son un aporte fundamental para o sector turístico galego que atravesa un dos seus mellores momentos” cada vez mais diversificado e desestacionalizado.

Neste sentido, lembrou que mais de 1,3 millóns de viaxeiros se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros castro meses do ano, ao tempo que puxo en valor a crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.

Na actualidade, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior número de Q de Calidade Turística, só por detrás de Andalucía. Concretamente, con máis de 300 empresas acreditadas co Q de Calidade Turística e 42 co S de Sustentabilidade.

A isto hai que engadir outros distintivos de recoñecemento coma as 114 bandeiras azuis concedidas este ano ás praias da Comunidade, ou a preto da vintena de destinos recoñecidos polo Sistema Integral de Calidade Española en Destinos (SICTED) e, no caso da gastronomía as 17 Estrelas Michelin e 40 Soles Repsol dos restaurantes galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/06/2024