O presidente do Goberno autonómico participou na inauguración do novo centro de Ibermutua en Ourense

Rueda destaca o papel das mutuas como “complemento imprescindible” para acadar unha Galicia máis sa e competitiva

Avoga por intensificar o seu papel para darlles “máis intervención”, sempre dentro da normativa

A Xunta está a traballar da man da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT) para optimizar a atención nas incapacidades temporais causadas por patoloxías osteorarticulares

Ourense, 12 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel das mutuas ao conformar un “complemento imprescindible” das administracións, ao tempo que avogou pola necesidade de seguir instaurando políticas de seguridade e saúde laboral potentes para poñer freo ao absentismo laboral en Galicia e lograr que esta sexa cada vez máis sa e competitiva.

Así se referiu o titular da Xunta durante o acto de inauguración do novo centro de Ibermutua en Ourense, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Durante a súa intervención, Rueda reafirmou o diálogo constante entre Administración e empresas para traballar no ámbito da prevención e avogou por “intensificar” o papel das mutuas. “Merece a pena explorar as posibilidades que teñamos de colaborar máis estreitamente e darlles máis intervención, sempre dentro da normativa e sen esquecer nunca que se trata dunha colaboración público-privada”, apuntou.

Neste sentido, o Goberno galego, a través da Consellería de Sanidade, está a traballar da man da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT) para optimizar a atención nas incapacidades temporais causadas por patoloxías osteorarticulares –a causa de baixas laborais máis común–. O obxectivo é que as mutuas poidan realizar as probas diagnósticas que determinen os profesionais do Servizo Galego de Saúde, axilizando así a xestión para que os doentes poidan recibir un diagnóstico rápido e un tratamento axeitado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024