A Xunta aposta pola ciberseguridade como piar na dixitalización da xustiza

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración das XVII Xornadas xurídicas Román García Varela

O Goberno galego conta coa Estratexia Galega de Ciberseguridade e o Plan Senda de dixitalización na xustiza como principais instrumentos para garantir a accesibilidade segura aos servizos xudiciais

Sarria (Lugo), 12 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto ao delegado territorial da Xunta en  Lugo, Javier Arias,  na inauguración das XVII Xornadas xurídicas Román García Varela, onde salientou a aposta da Xunta pola ciberseguridade como piar imprescindible na dixitalización da Administración de Xustiza. No encontro, centrado en ciberseguridade e delitos informáticos, o conselleiro sinalou as actuacións impulsadas polo Goberno galego na materia, que permitiron dotar de ferramentas de seguridade máis de 5.000 equipos dixitais e reforzar a formación do persoal para facerlles fronte ás ciberameazas.

Trátase de medidas enmarcadas na Estratexia Galega de Ciberseguridade impulsada pola Xunta cun orzamento de 37 millóns de euros para o período 2023-2025, co obxectivo de avanzar na seguridade na contorna dixital ao tempo que se traballa na dixitalización. 

Nesta liña, Diego Calvo referiuse ao III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, que busca “facilitarlle á cidadanía unha xustiza máis próxima e accesible, con servizos máis personalizados”. “Trátase dunha aposta sen precedentes, cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, un 70% máis do destinado aos plans anteriores que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega”, engadiu. 

Ao abeiro desta iniciativa completouse a dixitalización das máis de 200 salas de vistas de Galicia e activáronse todos os proxectos previstos para garantirlle á cidadanía o acceso a distancia aos servizos. Así, dotouse o persoal de postos móbiles e deslocalizados, e estanse a dotar as instalacións de medios para celebrar os actos procesuais. 

Para o conselleiro, a Administración de Xustiza “ten que apostar pola actualización constante”, o que implica “dotarse de tecnoloxía que defenda a cidadanía e formar os profesionais para que aproveiten todo o potencial das novas ferramentas dixitais”. Así mesmo, Diego Calvo agradeceu a organización destas xornadas, que manteñen o legado do xurista Román García Varela e converten cada ano o concello de Sarria en referente da axenda xudicial a nivel estatal, tanto polo interese das temáticas abordadas como pola calidade dos conferenciantes e participantes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024