A Xunta abre o prazo para participar no programa Educación Responsable, que este curso superou o centenar de centros

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita unha actividade no IES Antón Losada Diéguez co gallo da publicación desta convocatoria

A iniciativa sobre benestar emocional desenvólvese en colaboración coa Fundación Botín

A Estrada (Pontevedra), 12 de xuño de 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES Antón Losada Diéguez, na Estrada, coincidindo coa publicación no Portal Educativo da convocatoria do programa Educación Responsable para o vindeiro curso. Precisamente, neste centro puido comprobar o desenvolvemento desta iniciativa, que fomenta a formación do alumnado incidindo na importancia da educación emocional no seu desenvolvemento persoal e académico.

Poderán incorporarse ao programa un total de 15 centros que impartan ensinanzas de Infantil, Primaria, ESO, Educación Especial ou FP Básica. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xullo por medios electrónicos.

O programa Educación Responsable, en colaboración coa Fundación Botín, funciona a través dunha rede galega na que, durante o ano académico 2023/24, participaron 102 centros, 6.985 alumnos e 438 docentes. Todos eles recibiron formación, recursos educativos e seguimento por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Fases en tres cursos

Recollido na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, está centrado na aplicación didáctica, dentro das áreas curriculares, dunha serie de recursos de educación emocional, social e creativa, que se realiza de forma coordinada na rede de Centros Educación Responsable de Galicia.

A iniciativa desenvólvese ao longo de tres cursos nos que, a maiores de levar ás aulas as actividades e materiais dos que dispón o programa, os centros contan con formación vencellada ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, así como financiación para desenvolver o programa a través dos Contratos-Programa.

O obxectivo da fase inicial e de crecemento (1º curso) é que o equipo de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e aplique as actividades da iniciativa; mentres que na fase de expansión (2º curso), o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu proxecto educativo, recibindo formación para o resto dos docentes e estendendo o programa a un maior número de alumnado.

A fase de consolidación (3º curso) ten como obxectivo que o centro utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos profesores incorporen nas súas programacións de aula actividades de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.

Ademais de en Galicia, o programa desenvólvese noutras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como nos países de Uruguai, Chile e México.         

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024