O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asiste en Vilalfranca del Bierzo á apertura da mostra ‘Hospitalitas. A graza do encontro’ a cargo da Súa Maxestade o Rei Felipe VI

López Campos refírese á nova edición de ‘Las edades del hombre’ como “o fito cultural do ano que chegará a Santiago o 19 de xuño”

A Xunta colabora coa Fundación Las Edades del Hombre nesta exposición, que tamén poderá verse na Catedral e no mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela

Na capital de Galicia exhibiranse unhas 170 pezas de artistas de renome, como Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete o Alejo de Vahía

Villafranca del Bierzo (León), 12 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na localidade castelá leonesa de Villafranca del Bierzo na inauguración dunha nova edición de Las edades del hombre coa apertura de Hospitalitas. A graza do encontro, a mostra apoiada pola Xunta de Galicia que se poderá ver tamén en Santiago de Compostela, a partir do vindeiro 19 de xuño, e á que se referiu como “un dos fitos culturais do ano”.

O representante do Goberno galego lembrou que, tras a apertura hoxe na colexiata de Santa María de Villafranca del Bierzo a Súa Maxestade o Rei Felipe VI, lle seguirá a inauguración na Catedral e no mosteiro de San Martiño Pinario, de Santiago de Compostela. Nestes escenarios únicos exhibiranse unhas 170 pezas de arte sacra realizas por artistas de renome como Murillo ou Salvador Carmona, que forman parte da exposición itinerante Hospitalitas. A graza do encontro.

A Xunta de Galicia colabora coa prestixiosa Fundación Las Edades del Hombre na celebración desta vixésimo sétima edición que, ao longo dos seus 26 anos de historia, ten sido exhibida en diferentes territorios como Bélxica e Estados Unidos, entre outros, acadando 12 millóns de visitantes; cun total de 5.228 pezas de arte e a restauración doutras 2.000.

López Campos lembrou que esta é a primeira vez que a mostra ten sede compartida e incidiu na atinada elección entre Santiago e Villafranca del Bierzo ao considerar que ambas cidades representan “importantes enclaves simbólicos”, xa que remarcou que están unidas por un patrimonio con “vencellos fraternais” a través do Camiño de Santiago.

Santiago exhibirá unhas 170 pezas de gran valor na arte sacra

A cripta do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e o mosteiro de San Martiño Pinario acolleran ao redor de 170 obras provenientes das diocese de Galicia e Castela e León, así como de museos nacionais e rexionais, galerías e colecciones privadas, tamén de procedencia estranxeira.

As persoas visitantes á exposición, que abrirá as súas portas o vindeiro mércores 19 de xuño, poderán desfrutar das obras de arte sacra de gran valor, autoría de grandes artistas do patrimonio español, como o son Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete o Alejo de Vahía, que compartirán espazo con outras pezas contemporáneas e instalacións inmersivas e experiencias de realidade virtual.

O comisariado da exposición na capital galega está integrado polo director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e o director técnico-conservador do Museo desta mesma catedral, Ramón Yzquierdo.

Mostra centrada na hospitalidade

Las edades del hombre viaxa a Santiago cun proxecto centrado na hospitalidade, reflectindo a importancia que no Camiño de Santiago este valor e que, por tanto, se incorpora para esta edición ao título da mostra.

O fío condutor basearase nas palabras do Libro V do Códice Calixtino, a primeira guía do Camiño, nas que se refire á hospitalidade, caridade, acollida e solidariedade. Estes termos están recollidos no Scripotrium compostelán impulsado polo Arcebispo Xelmírez que continúan a ter vixencia no ámbito das peregrinacións a Compostela.

Música composta ex profeso para esta edición

Cada edición de Las edades del hombre conta coa súa propia música, realizada de maneira específica para a exposición. A banda sonora de Hospitalitas está composta por David Rivas, músico zamorano, co obxecto de completar o discursos narrativo desenvolvido na selección de obras. Deste xeito, compuxéronse 33 pezas que acompañan as nove estancias cunha duración total de 130 minutos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024