A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe no Parlamento o orzamento anual de máis de 50M€ na conservacións integral da rede viaria autonómica

A Xunta pon en valor o éxito da súa estratexia de seguridade viaria, referente en todo o país

Martínez Allegue subliña o estancamento no descenso de falecidos nas estradas, fundamentalmente polo incremento de condutas indebidas por parte dos condutores:, e a especial preocupación polos grupos de avisos de controis que aumentan a sensación de impunidade

Salienta o papel das campañas cíclicas de concienciación e sensibilización orientadas á poboación en xeral e a colectivos especialmente sensibles como a poboación escolar, os ciclistas, motoristas ou peóns para as que se implica á Garda Civil, DXT

Pon en valor o esforzo da Xunta para reducir as vítimas nos accidentes e acadar unhas vías máis seguras, iniciando o camiño para lograr as estradas intelixentes ou executando actuacións específicas para peóns coa continuidade do Plan de sendas de Galicia

Fai un chamamento para que os usuarios das vías sexan máis responsables na súas condutas ao volante “porque cada morte na estrada é unha enorme e irreparable perda”

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, fixo fincapé hoxe no Parlamento no modelo do Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 da Xunta, folla de ruta que sitúa a Galicia como referente en seguridade viaria no ámbito nacional. Segundo indicou, trátase dun ambicioso plan que traballa na redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nos 5.500 quilómetros de vías autonómicas, que se aproxime a un obxectivo final de cero vítimas no ano horizonte 2050, o que se chama “Visión Cero”.

Incidiu na seguridade viaria como prioridade da Xunta, dado que, en palabras da conselleira, “estamos a falar da integridade e da vida da persoas e no hai nin pode haber nada por riba diso”. Así, Martínez Allegue puxo o acento no período de estancamento que se está producir no descenso no número de falecidos nas estradas, unha situación común ao resto de España e de Europa. isto subliñou, débese fundamentalmente ao incremento de condutas indebidas por parte dos condutores: distraccións, velocidade, uso do móbil e, amosou a especial preocupación polos grupos de avisos de controis que aumentan a sensación de impunidade.

Por iso, tal e como sinalou, se realizan de xeito cíclico campañas de concienciación e sensibilización orientadas tanto á poboación en xeral como a colectivos especialmente sensibles como a poboación escolar, os ciclistas, motoristas ou peóns para as que se implica á Garda Civil, DXT, e que a Xunta complementa con campañas educativas entre os máis novos.

A conselleira referiuse tamén á posta en marcha dun plan de mobilidade ciclista co obxectivo de activar e fomentar o uso da bicicleta como un modo de transporte de uso cotiá e saudable á par que se facilitarán infraestruturas axeitadas para o uso da bicicleta .

Amosouse especialmente satisfeita dos resultados do Plan de Sendas de Galicia cos que a Xunta está a facer itinerarios peonís e ciclistas, seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para protexer e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas e coas que se puxeron a disposición da veciñanza máis de 300 km de sendas peonís. Aquí, Martínez Allegue adiantou a súa continuidade nesta lexislatura coa  construción de alo menos outros 150km de sendas peonís e ciclistas nas contornas rurais das estradas autonómicas, pero tamén nas zonas urbanas e  metropolitanas, co fin de contribuír á descarbonización é á vida saudable.

Anuncio tamén que se están a executar traballos de conservación e roza nas marxes das estradas como unha medida eficaz contra a entrada de animais nos viarios ao tempo que mellora a visibilidade do condutor. Nos últimos anos mobilizáronse preto de 10 M€ nestas actuacións de roza, un labor que vén realizando a empresa pública Seaga  cun orzamento bianual de 3M€ (2023-2024).

A conselleira citou, ademais, o inicio do camiño para lograr as estradas intelixentes, dixitalizando documentación e implantando sistemas que ofrezan información ou indicacións útiles aos condutores: incidencias, actuacións en execución ou identificando os puntos con maior probabilidade de irrupción de fauna salvaxe.

Subliñou o traballo que leva realizado a Xunta en todos os aspectos que afectan á seguridade viaria para minimizar a lesividade das vías autonómica. Así, puxo o acento no desenvolvemento dunha primeira estratexia de Eliminación de Treitos de Concentración de Accidentes (TCA) e os 14,4 M€ mobilizados, reducindo case 50 quilómetros de “puntos negros” e diminuíndo en case un 60% a sinistralidade neses puntos da rede viaria. Tamén citou a reforma de 119 interseccións viarias, incluíndo 24 novas rotondas, e a mellora de 138 pasos de peóns.

María Martínez Allegue sinalou a posta en marcha dunha nova estratexia que inclúe novos TCA, e actuacións de eliminación de obstáculos nas marxes viarias para conformar as “estradas que perdoan”. Estas actuacións, engadiu, reforzaranse nos vindeiros anos con intervencións nos treitos de alto potencial de mellora, que contará con financiación dos fondos Europeos FEDER, sendo a única comunidade que conseguiu financiar este tipo de actuacións a través dos mesmos e que, xunto á achega da Xunta, suma un investimento de 23 M€.

Na súa intervención, tamén puxo en valor  a estratexia da Xunta do Plan de reforzos de firme, referente estatal en conservación viaria, no que se ten investido unha media de 20M€/ anuais, e que este ano chega ata os 23M€ na rede convencional e outros 5M€ na AG-53. A este plan súmase o de conservación ordinaria e o Plan de viabilidade invernal.

En conxunto, tal e como indicou a conselleira, este Goberno galego está a dedicar un orzamento anual de máis de 50M€ á conservacións integral das estradas da Xunta.

Tamén se referiu aos preto de 35M€ destinados á mellora da seguridade e da accesibilidade dun milleiro de paradas de autobús en estradas da Xunta, así como ás accións levadas a cabo para de seguridade viaria nos Camiños de Santiago, investindo 19,39M€

A conselleira reiterou o esforzo extraordinario da Xunta para reducir as vítimas das estradas, acadando unhas estradas máis seguras, e executando actuacións específicas para peóns, como as sendas ou como a mellora da seguridade nas paradas de autobús.

Finalmente, Martinez Allegue fixo un chamamento para que os usuarios das estradas sexan máis responsables na súas condutas ao volante “porque cada morte na estrada é unha enorme e irreparable perda”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024