O Centro Dramático Galego pon en marcha unha nova edición da Bolsa de Dramaturxia

O obxectivo desta iniciativa impulsada en colaboración con diferentes colectivos culturais é seleccionar un proxecto de escrita dramática para súa coprodución coa unidade teatral da Xunta de Galicia

Destínanse 6000 euros para a contratación desta dramaturxia, que deberá realizarse nun máximo de seis meses

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia acaba de abrir a terceira edición da Bolsa de Dramaturxia, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve en colaboración con diferentes colectivos culturais co obxectivo de seleccionar un proxecto de escrita dramática para a súa posterior coprodución co Centro Dramático Galego.

Esta nova convocatoria foi publicada hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais e forma parte da liña de apoio á dramaturxia galega actual que a unidade teatral pública leva a cabo a través de producións propias e do programa de coproducións.

Poden optar a esta bolsas as persoas dedicadas profesionalmente á escrita no ámbito das artes escénicas, sempre que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. Ademais, contan cunha dotación de 6000 euros para a contratación da escrita da dramaturxia a partir da proposta seleccionada e o período para a súa realización é de seis meses.

O prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 27 de xuño e os proxectos deberán achegarse a través da sede electrónica da Xunta, incluíndo unha sinopse, a traxectoria da persoa ou persoas que participan na escrita e unha carta de motivación.

Unha comisión independente, integrada por representantes da Asociación de Dramaturxia de Galicia (DramaturGA) e do resto de colectivos colaboradores, será a encargada de seleccionar o proxecto gañador, tendo e conta a calidade, a oportunidade artística e a orixinalidade da proposta, así como a actualizade e interese da súa temática, a traxectoria artística e literaria da persoa que asina a proposta ou aspectos que teñen que ver coa duración e número de intérpretes do espectáculo resultante.

Os proxectos gañadores das anteriores convocatorias foron Relato para un incendio, de Ernesto Is, que foi levado a escena xunto á compañía aAntena, e Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, que deu lugar á coprodución con Xerpo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024