Lete Lasa anima a “construír un fútbol inclusivo cheo de mensaxes positivas que axude a crecer á nosa infancia” na presentación da MS2 CUP

O secretario xeral para o Deporte destaca o traballo de Michel Salgado no torneo internacional que leva o seu nome e que se celebrará na Madroa do 14 ao 24 de xuño

Vigo, 12 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na inauguración da 5ª edición do Torneo Internacional Michel Salgado - MS2 CUP que volverá celebrarse en Vigo entre os días 14 e 24 de xuño e no que colabora a Xunta de Galicia cunha achega de 15.000 euros.

Na inauguración, que contou con futbolistas ilustres galegos como Vicente Álvarez, Sergio Álvarez e o propio Michel Salgado, o secretario xeral destacou á figura do defensa das Neves que “o facía todo moi ben no campo e agora demostra que tamén sabe manexar a organización de eventos deportivos de modo maxistral”.

O torneo ofrece aos equipos galegos unha oportunidade de competir contra os mellores equipos de canteiras de fútbol internacional e conta como obxectivo principal o fomento e promoción do deporte. Neste sentido, Lete Lasa, lembrou a importancia de que se inclúa a participación de mulleres nestas competicións “nun momento no que o fútbol feminino está a avanzar de modo meteórico como demostra a creación do equipo feminino de As Celtas que terá o seu centro de operacións na Madroa, no lugar no que se levará a cabo a MS2 Cup”. O mandatario galego destacou que o fútbol é “de todos e de todas”  e aplaudiu a iniciativa inclusiva do torneo de fútbol base que tamén terá unha competición entre “dous dos nosos equipos máis importantes de fútbol para persoas con diversidade funcional: o Celta Integra e o Depor Genuine”.

Ao fío desta idea, Lete Lasa condenou de novo os acontecementos sucedidos o pasado domingo en Cospeito, entre os equipos do Racing Vilalbés B e o San Ciprián e sobre os que a Comisión de Control da Violencia celebrada no día de onte actuará para que non volvan suceder, sinalando que, “o deporte é un ámbito marabilloso e cheo de mensaxes positivas que axudan a crecer á nosa infancia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024