A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse hoxe co tenente de alcalde de Muíños, Israel León, e a concelleira de Servizos Sociais, Montserrat González

A Xunta financiará con 45.000 euros melloras na residencia municipal para persoas maiores de Muíños

Asinarase un convenio de colaboración para levar a cabo a actuación proposta polo concello

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, garantiu hoxe o apoio económico da Xunta de Galicia ás obras de mellora da residencia municipal para persoas maiores de Muíños. Fíxoo tras entrevistarse co tenente de alcalde, Israel León, e a concelleira de Servizos Sociais, Montserrat González, que lle expuxeron as necesidades que ten este centro residencial.

En concreto, achegaranse 45.000 euros para os traballos previstos polo Concello na residencia, que inclúen a renovación das carpinterías interior e exterior, revestimento da fachada, pintado, substitución de pavimentos e urbanización exterior, entre outros.

Este novo convenio será o terceiro nos últimos anos que subscribirá a Consellería de Política Social e Igualdade co Concello de Muíños para reformas na residencia de maiores. Os dous anteriores, que suman un montante de 265.000 euros, permitiron a ampliación das instalacións, así como a mellora da súa accesibilidade e do equipamento.

Por outra parte, a Xunta tamén colaborará co ente local no desenvolvemento de programas de envellecemento activo e saudable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024