A Xunta reivindica ao Goberno central un transporte ferroviario con servizos que cubran as necesidades da poboación galega

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, detallou os incumprimentos do Goberno central co incremento de frecuencias, prazas e redución de tempos de viaxe prometidos cos novos trens Avril

Lamentou tamén as incidencias e impuntualidades desde a posta en marcha dos convois ou a exclusión de Lugo e Ferrol deste servizos, así como de Galicia da liña de baixo custo Avlo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reivindicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia un transporte ferroviario digno con servizos á altura das necesidades dos galegos e galegas. Por iso, instou ao Goberno central a materializar os compromisos adquiridos con Galicia nesta materia que “non se están a cumprir”. En concreto, referiuse á posta en marcha dos trens Avril -con dous anos de retraso- que incumpren o incremento de frecuencias, de prazas e de redución de tempos de viaxe prometidos.

Deste xeito, substituíronse 4 expedicións feitas por trens Alvia por trens Avril, polo que non hai novas frecuencias.  Os trens incorpóranse en horarios xa existentes, e os tempos de viaxe recortaranse en 15 minutos, por debaixo dos 30 minutos anunciados. Galicia ten un número inferior de trens aos 7 necesarios, o que imposibilitará -explicou- un servizo competitivo en alta velocidade entre Galicia e Madrid. 

Por outra parte, a Xunta non tivo aínda resposta do Executivo estatal á solicitude de poñer á venda polo menos 2.000 prazas diarias a prezo reducido e equivalente ao dos trens de baixo custo Avlo que non están operativos en Galicia.

Diego Calvo lembrou que á falta de cumprimento da oferta de frecuencias e dos tempos comprometidos súmase un servizo de alta velocidade que acumula incidencias e impuntualidades desde a súa posta en funcionamento, polo que instou ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que resolva estes problemas que repercuten nas viaxes diarias das persoas usuarias.

Nesta liña, incidiu en que a chegada dos trens Avril foi sempre unha prioridade para a Xunta en materia de transporte ferroviario para achegar a alta velocidade ás cidades galegas. “É unha necesidade e non un privilexio”, sinalou o conselleiro, quen engadiu que a singularidade da rede ferroviaria interna galega, de ancho ibérico, fai precisos estes trens Avril de rodadura desprazable.

Ademais, denunciou que se ben a alta velocidade chegou a Ourense e a Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña cunha frecuencia reducida, todo indica que Lugo e Ferrol quedan excluídas, polo menos a curto prazo, dese obxectivo.

Durante a súa intervención, Diego Calvo, expuxo outras demandas do Ministerio pendentes coa comunidade galega e que cómpre solucionar con urxencia. Enumerou obras pendentes como a variante de Cerdedo, a variante exterior de Ourense, a parte ferroviaria das estacións intermodais ou a conexión con Portugal.

Neste último caso, a Administración autonómica ten trasladado que a inacción e falta de planificación do Executivo estatal para impulsar a alta velocidade entre Galicia e Portugal fixo que a Unión Europea non incluíse a conexión entre Galicia e Porto dentro da rede básica con obxectivo 2030, senón na rede básica ampliada retrasando o obxectivo ata 2040. De feito, mentres que o Goberno de España non ten programados os investimentos e obras para esta infraestrutura, o Goberno de Portugal xa está a avanzar nesta liña ferroviaria.

Entre as prioridades neste ámbito que a Xunta leva reclamando ao Ministerio desde hai tempo tamén se inclúen o eixo A Coruña-Ferrol-Lugo, melloras no eixo Atlántico ou a adecuación con estándares de corredor da liña León-Monforte-Ourense-Vigo-Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024