A Xunta anima en Vigo a participar da campaña ‘Días Azuis’ coa que se sortearán 20.000 euros en premios para impulsar o comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na presentación da tarxeta promocional do Centro Comercial Aberto Vigo Centro

Na cita puxo en valor a campaña Días Azuis que está a desenvolver a Xunta coa Federación Galega de Comercio

A actuación, que se desenvolve ata o 30 de xuño, está aberta aos arredor de 20.000 comercios de Galicia

Alén destacou que este tipo de accións facilitan o desenvolvemento da actividade comercial, impulsan as vendas de comercio polo miúdo e garanten o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional

Os premios do sorteo desta edición consistirán en tarxetas de prepago de 250 e 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos e para participar as persoas consumidoras deben rexistrar a súa compra en www.diasazuis.com

Vigo, 12 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu hoxe á presentación da tarxeta promocional do Centro Comercial Aberto Vigo Centro e percorreu diversos dos locais asociados. Na cita puxo en valor a 12ª edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, que está a desenvolver a Xunta xunto coa Federación Galega de Comercio ata o 30 de xuño en Galicia. No marco desta iniciativa, sortearanse 20.000 euros en premios co fin de estimular a demanda, o comercio de proximidade, reactivar o consumo e dinamizar o sector.

A campaña é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio e conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos de Galicia e de Abanca.

Poden participar nesta edición todas as persoas que merquen nos establecementos de proximidade de Galicia nas datas da campaña e coa súa participación entrarán nun sorteo de 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos atendendo ao que establecen as bases da campaña.

Para participar deben rexistrar directamente a súa compra en www.diasazuis.com a través de calquera dispositivo electrónico (móbil, tablet ou ordenador).  A participación tamén pode ser rexistrada polo comerciante a través da plataforma www.diasazuis.com/comercios, onde se pode introducir directamente a operación de compra dos clientes, duplicando deste xeito as súas opcións de gañar.

A campaña inclúe material de promoción que estará dispoñible nos comercios, como folletos, carteis informativos e cartas explicativas coas bases da campaña. Os establecementos tamén poden promocionar esta iniciativa nas súas redes sociais co cancelo #díasazuis e, a maiores, poden realizar accións complementarias durante a campaña como descontos especiais e actuacións, entre outras.

Colaboración e outras accións

Esta campaña enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do comercio. Nel inclúense outras accións como consolidar unha Oficina de orientación, asesoramento e información ao comercio galego e de formación no asociacionismo, prestando especial atención ao emprendemento, cualificación e mantemento da actividade, e tamén o mantemento da Plataforma Dixital Centralizada E-tícket, dirixida a axilizar e mellorar a relación e o contacto coa clientela.

Súmase a outras accións para impulsar o comercio local como o Bono remuda, unha convocatoria novidosa da Xunta que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia cun orzamento de 1,5 millóns de euros para fomentar o traspaso de negocios e garantir a súa permanencia no seo do tecido produtivo galego. Tamén o Bono Activa Comercio, que na súa  5ª edición logrou mobilizar 12 millóns de euros en vendas con case 7.000 negocios adheridos en toda Galicia e que se reeditará en outono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024