A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu hoxe no pleno a unha interpelación sobre a situación destas zonas na comunidade

A Xunta destinará 26 M€ a executar 13 actuacións para preservar e restaurar os ecosistemas na Rede Natura de Galicia

Ángeles Vázquez salienta o compromiso do Executivo galego co patrimonio natural galego e en especial, coas zonas protexidas, que representan o 42% do territorio

Lembra que o obxectivo da Xunta é ter redactados antes de 2027 os plans de xestión de todos os espazos Rede Natura e incide en que a superficie galega amparada baixo esta figura está na media europea e por riba da que teñen outras nove comunidades

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024.

A Xunta destinará un total de 26 millóns de euros ao impulso e execución de 13 proxectos, actualmente xa en marcha, para garantir a conservación da biodiversidade e a restauración de ecosistemas nos espazos incluídos na Rede Natura 2000 en Galicia.

Así o salientou esta mañá no pleno do Parlamento a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en resposta a unha interpelación sobre as políticas de protección ambiental e a situación destas zonas protexidas na comunidade, que suman 375.000 hectáreas repartidas entre 16 zonas de especial protección para aves (ZEPA) e 59 zonas de especial conservación (ZEC).

Tras salientar o “compromiso firme” da Xunta coa protección do patrimonio natural galego e, especialmente, dos distintos espazos protexidos, a responsable autonómica referiuse, a modo de exemplo, aos investimentos impulsados desde o ano 2021 na Rede Natura grazas ao financiamento do programa NextGenerationUE.

Así, explicou que a día de hoxe o seu departamento xa ten executados case o 90% dos 26 millóns de euros asignados a Galicia no reparto de fondos europeos ás comunidades para proxectos de protección da biodiversidade.

En todo caso, a conselleira sinalou que o compromiso da Xunta con estes espazos naturais en particular e co resto de zonas amparadas baixo algunha figura de protección —que abranguen actualmente o 42% do territorio galego— tamén se plasma cada ano en diferentes investimentos e liñas de actuación.

Concretamente, explicou que nos vindeiros anos destinaranse 70 millóns de euros a impulsar de forma directa diferentes intervencións dentro dos seis parques naturais e do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia a través da planificación prevista nos seus respectivos plans de uso e xestión.

Ademais destas medidas de intervención directa, Vázquez Mejuto lembrou tamén que o seu departamento convoca axudas para que concellos, particulares e entidades poidan impulsar proxectos e actuacións que contribúan a preservar os espazos da Rede Natura 2000, os parques naturais e as sete reservas de biosfera existentes en Galicia. De feito, lembrou que, precisamente, a comezos deste ano se convocaron tres ordes de subvencións con este fin por un importe global de 6,2 millóns de euros.

Avances normativos

Por outra banda, Ángeles Vázquez tamén incidiu nos avances acadados a nivel normativo nos últimos anos e nos obxectivos da Xunta a medio prazo neste mesmo eido. Despois de incidir en que todos os parques naturais de Galicia contan xa co seu propio instrumento de xestión así como tres monumentos naturais e o humidal protexido de Valdoviño, explicou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático traballa tamén nas novas ferramentas de planificación para o resto dos seus espazos protexidos.

“O obxectivo é seguir completando o actual sistema de áreas protexidas para mellorar o estado de conservación dos nosos hábitats de interese comunitario”, avanzou a conselleira, que con relación ás zonas Rede Natura da comunidade, lembrou que representan o 12% do territorio, o que sitúa a Galicia “na media das rexións atlánticas europeas” e en termos absolutos, por riba doutras nove comunidades autónomas.

Ao respecto, Vázquez Mejuto subliñou que o “compromiso” da Xunta é redactar antes do ano 2027 todos os plans de xestión dos espazos declarados Rede Natura 2000 na comunidade e comprometeuse seguir avanzando e traballando na protección da “riqueza natural” de Galicia desde diferentes eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024