A Xunta abre mañá o prazo para pedir as axudas para cubrir os gastos de adopción de animais abandonados, que facilitarán un fogar a un milleiro de cans e gatos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan axudas de ata 150 euros ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados na comunidade

O Goberno galego custeará o 100% dos importes correspondentes á identificación con microchip, ás vacinas iniciais, á desparasitación e á esterilización dos exemplares

Os beneficiarios deberán comprometerse a non realizar a transmisión a outra persoa do exemplar durante toda a súa vida, salvo casos debidamente xustificados por enfermidade, incapacidade sobrevida ou vulnerabilidade económica do adoptante

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo para solicitar as axudas para cubrir os gastos de adopción de animais abandonados, que, cunha dotación orzamentaria de 125.000 euros para este ano, facilitarán un fogar a un milleiro de cans e gatos.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan axudas de ata 150 euros ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados na comunidade co fin de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso.

Os importes máximos das axudas quedarán fixados en 150 euros en caso de que o animal adoptado sexa un can e en 125 euros se se trata dun gato, sendo subvencionables os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico-sanitario dos exemplares no momento en que se lle entregue ao seu novo dono, de acordo cos requisitos que establece a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Neste sentido, as axudas da Xunta permitirán custear a totalidade dos gastos que teña que asumir a persoa adoptante, en caso de que o centro de recollida que se ocupaba do coidado e manutención do animal decida repercutirlle eses custos.

En todo caso, só poderán acollerse a estas novas axudas aqueles cidadáns que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados e inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) —39 na actualidade— e sempre que esta se produza desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024.

Así mesmo, cada solicitante poderá recibir axudas por, como máximo, dous animais de compañía. Ademais, os beneficiarios deberán comprometerse a non transmitir a outra persoa a titularidade do animal que adopten mentres este siga vivo, salvo en casos debidamente xustificados por razóns de enfermidade, incapacidade sobrevida ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante orixinal.

Case 0,6 M€ para loitar contra os abandonos

Esta é a primeira vez que o Goberno galego convocará este tipo de incentivos, cos que se busca animar á cidadanía a ofrecerlle un novo fogar a un animal abandonado a través da concesión de axudas para o fomento das adopcións.

A medida enmárcase nos obxectivos que inspiraron a redacción da Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, aprobada no ano 2017 e que se fixa entre as súas prioridades a erradicación do maltrato, o fomento da tenza responsable entre a cidadanía e a loita contra o abandono sensibilizando en materia de adopcións e incidindo na idea de que os animais de compañía non poden ser considerados un regalo en determinadas épocas do ano como, por exemplo, o Nadal.

Neste sentido, a nova orde de axudas impulsada pola Xunta é un paso máis para seguir avanzando no fomento da adopción dos animais domésticos que atopan refuxio nos centros de acollida xestionados por concellos e protectoras en toda Galicia.

De feito, virá complementar ás axudas que desde 2017 convoca o Executivo galego co fin de apoiar neste labor ás administracións locais —competentes para a recollida e xestión dos animais abandonados nos seus respectivos municipios— e ás entidades inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

Así, a Xunta destinará este ano 450.000 euros a subvencionar campañas de sensibilización e parte dos gastos que asumen concellos e protectoras para o coidado, a atención e a protección dos animais ao seu cargo, unha cifra que sumada ao orzamento da nova liña de axudas, suporá mobilizar case 0,6 millóns de euros para reducir o abandono de animais de compañía en Galicia e fomentar a súa adopción para 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2024