A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo unha reunión esta tarde coa ministra de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, Elma Saiz

A Xunta aborda co Goberno central a transferencia do Ingreso Mínimo Vital a Galicia

Solicita a transferencia íntegra desta prestación de maneira que sexa o Goberno galego o encargado de informar, tramitar, resolver e pagar aos beneficiarios

Destaca a experiencia de Galicia na xestión da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) durante os últimos trinta anos

Madrid, 11 de xuño de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta tarde unha reunión coa ministra de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, Elma Saiz, na que abordaron a transferencia do Ingreso Mínimo Vital (IMV) a Galicia. Durante o encontro, a conselleira solicitou que este traspaso se realice de maneira íntegra, é dicir, que sexa Galicia a encargada de informar, tramitar, resolver e pagar aos beneficiarios.

A conselleira lembrou que esta transferencia foi comprometida xa en xaneiro do ano 2022 ao Goberno galego, polo que pide ao Goberno central celeridade na súa materialización. Neste sentido, sinalou que Galicia conta coa experiencia necesaria para a súa xestión como así o demostran os trinta anos tramitando a Renda de inclusión social de Galicia (Risga).

Fabiola García afirmou que o obxectivo do Goberno galego é darlle ás persoas que máis o necesitan unha resposta áxil e rápida. Neste sentido, agarda que esta primeira reunión supoña un paso en firme para avanzar nesa transferencia íntegra e se cree tamén unha comisión de seguimento para que os equipos técnicos da Consellería e do Ministerio se poidan comezar a reunir de xeito periódico para abordar este traspaso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024