A Xunta prorroga o convenio co Concello de Barbadás para bonificar o transporte público

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde Xosé Carlos Valcárcel Doval asinaron hoxe o acordo para establecer accións de promoción no uso do transporte público, que suporá unha achega de case 491.200 euros ata 2028

A colaboración do Goberno galego permitirá descontos nas viaxes de uso xeral e manterá as bonificacións sociais dirixidas a estudantes, pensionistas e persoas en situación de vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta tarde co alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, a prórroga do convenio de colaboración para a implantación de bonificacións para as persoas usuarias do transporte colectivo nos servizos que se presten dentro do termo municipal e o Concello de Ourense. O acordo actual asinouse en 2020 por catro anos ata este 2024 e agora volve renovarse por outros catro exercicios ata 2028 por importe total de case 491.200 euros. Na sinatura do acordo tamén estivo presente a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Ao igual que no acordo anterior, o Concello de Barbadás bonificará as viaxes de uso xeral e fixará bonificacións sociais dirixidas a estudantes de ata 28 anos, pensionistas e persoas en situación de risco ou emerxencia social. Os descontos realizaranse a través da Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG), da Tarxeta Xente Nova ou doutras tarxetas integradas.

Deste xeito, nas bonificacións de uso xeral, as persoas usuarias dalgunha das tarxetas obterán unha bonificación de 0,50 euros e pagarán 0,90 euros por billete. No caso das bonificacións sociais, os estudantes contarán cunha bonificación adicional sobre a xeral doutros 0,25 euros, polo que cada billete quedaría en 0,65 euros, mentres que nos pensionistas ese desconto a maiores é de 0,15 euros, quedando o prezo final en 0,75 euros. Para as persoas en situación de risco ou emerxencia social, a bonificación acada o importe total. Na actualidade, e ata o 31 de decembro deste ano, estes importes teñen un desconto adicional do 50 % bonificado pola Xunta coa colaboración do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

No marco da aposta continua por mellorar o Plan de Transporte Público de Galicia, a Xunta mantén o seu compromiso para ofrecer mellores tarifas ás persoas usuarias, coa creación da Área de Transporte de Galicia. A medida supón integrar os diferentes sistemas de transporte baixo un sistema tarifario único e bonificado, do que xa se deron os primeiros pasos coa xeneralización da utilización da TMG en todos os medios de transporte de competencia autonómica e a aplicación dun sistema tarifario baseado en zonas de transporte. Os incentivos económicos directos que a Xunta aplica a través das tarxetas de Transporte Público de Galicia, así como as bonificacións en marcha nos últimos anos, chegan ao 50 %.

Nesta liña, a Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) cada vez conta con máis vantaxes e descontos no prezo dos servizos de transporte público, por exemplo, o transbordo gratuíto no transporte urbano incluído nas cidades da Coruña, Lugo e Santiago de Compostela, que están integradas no Plan de transporte metropolitano de Galicia. Co simple uso desta tarxeta aplícase unha redución do 10 %. Ademais, os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes interurbanas ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG viaxan de balde no transporte público de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024