Bota a andar o proxecto transfronteirizo ‘Visit Minho Plus’ co que a Xunta avanzará no modelo galego de turismo sustentable

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación da iniciativa da Eurorrexión na que o Goberno autonómico é un dos seus socios

No horizonte 2026 inclúe a creación de catro produtos turísticos ao redor da gastronomía, natureza, río Miño navegable e patrimonio

Tui (Pontevedra), 11 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do proxecto europeo Visit Minho Plus,  no que Turismo de Galicia participa como socio e ao que se referiu como unha iniciativa estratéxica que destaca “polo seu carácter innovador e tecnolóxico e que permtirá reforzar o modelo de turismo sustentable polo que traballamos cada día desde Galicia”.

Neste sentido, recordou que forma parte da aposta da Xunta de Galicia por reforzar as “sinerxías históricas” con Portugal “a través dunha actividade turística que permita coñecer ambos territorios a través dos recursos comúns”.  Falou tamén da idoneidade do proxecto financiado no marco do programa POCTEP e puxo en valor cuestións como a riqueza patrimonial e natural que caracterizan a Galicia e Portugal para crear e reforzar alianzas sobre estes eixes.

Referíndose ao proxecto Visit Minho Plus, destacou a importancia que terá para que a oferta turística galega continúe a medrar e a diversificarse territorialmente ao tempo que permitirá ao contribuír a dinamizar estes territorios. Está previsto que se creen catro produtos turísticos ao redor da gastronomía, a natureza, o río Miño e o patrimonio cultural, na liña, engadiu “dos obxectivos estratéxicos que estamos a levar a cabo na preparación da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030 na que estamos a traballar”.

En concreto, desde Turismo de Galicia colaborarase en cuestións como o posicionamento dixital, a promoción e apoio á comercialización turística, a formación, a sensiblización e a dinamización dos axentes turísticos participantes na iniciativa para seguir facendo que “a Eurorrexión sexa aínda máis forte e máis preparada para os retos actuais da actividade turística e tamén con vistas ao Xacobeo 27”.

Papel estratéxico de Portugal

O director de Turismo tamén falou da importancia que terá para consolidar o mercado portugués en Galicia. De feito, Portugal é o primeiro país emisor de turistas a Galicia. Concretamente, en 2023 rexistráronse máis de 624.000 pernoitas procedentes do país luso, o que supón o 20% do total internacional. Esta tendencia de crecemento continúa a rexistrarse no primeiro cuadrimestre deste ano, con algo máis de 97.000 pernoitas, é dicir, o 20% do total internacional.

O Visit Minho Plus está liderado pola AECT Rio Minho e ten como propósito  articular o espazo común, promover as relacións de cooperación transfronteiriza, protexer e promover o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; e aumentar a cohesión institucional. Inclúe a creación e desenvolvemento dos produtos turísticos do destino Río Miño baseados en recursos agroalimentarios, como a lamprea, o viño ou outros elementos da agricultura local. 

Ademais, tamén permitirá avanzar no estudo das condicións a cumprir para obter un distintivo de artesanía alimentaria. Para a súa difusión realizaranse roteiros polos recursos naturais e históricos do territorio (como as fortalezas) e roteiros fluviais por diversos tramos do Miño navegable. 

Tres proxectos transfronteirizos

Ademais de Turismo de Galicia, o proxecto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Turismo do Porto e Norte de Portugal CIM Alto Minho, os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e as entidades dedicadas a calidade alimentaria e ao desenvolvemento rural, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e Adriminho.

Visit Minho Plus é un dos tres proxectos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) nos que participa este ano Turismo de Galicia para reforzar sinerxías con Portugal. Trátase de Turislab, a aceleradora de empresas turísticas que este ano incorpora a socios lusos; ClusterTur, para a creación dun Clúster Transfronteirizo na Eurorrexión e estase a avanzar na incorporación do proxecto Gerês-Xures máis sustentable. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024