A Xunta solicita información á Garda Civil, clubs e Federación para esclarecer os feitos acontecidos no partido entre o Racing Vilalbés B e o San Ciprián

O secretario xeral para o Deporte apunta que “toda conduta violenta será sancionada” e que “a postura da Xunta é inamovible: tolerancia cero coa violencia”

Santiago, 11 de xuño de 2024

A Comisión Galega de Control da Violencia vén de abrir un período de información previa co fin de determinar coa maior precisión posible os feitos acaecidos o pasado domingo no campo da Fonte, en Cospeito, durante o partido de ascenso á Primeira Galicia da Real Federación Galega de Fútbol entre o Racing Vilalbés B e o C.D. San Ciprián. Neste sentido pedirase información á Garda Civil, aos clubs implicados e á federación deportiva correspondente.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Control da Violencia destacou a “unidade e o traballo conxunto” de todo o tecido deportivo en contra da violencia. Neste sentido informou da recepción de dous escritos dos clubs implicados no suceso amosando a súa condena do ocorrido e vontade de colaboración para esclarecer os feitos. Do mesmo xeito, o mandatario galego anunciou que xa tivo oportunidade de falar cos responsables da Real Federación Galega de Fútbol, xa que é a entidade que se ocupa do proceso disciplinario relativo ás persoas con licenza federativa  (deportistas, árbitros, adestradores...) e que tamén reuniu ao seu comité de competición sobre este asunto nesta mesma mañá.

Lete Lasa apuntou ao finalizar á sesión que “toda conduta violenta será sancionada” e que “a postura da Xunta é inamovible: tolerancia cero coa violencia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024