A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á presentación do proxecto ‘Facendo Plus’, liderado por Stellantis Vigo

Lorenzana apela ao traballo conxunto para que o sector galego da automoción saia fortalecido fronte aos novos retos

Remarca que cada ano esta industria en Galicia consolida cifras récord en facturación, exportacións, creación de emprego ou vendas ao exterior

Considera, non obstante, que o fundamental é evitar a deslocalización de investimentos, e reitera o compromiso da Xunta co sector con medidas como o plan director da automoción e a liña de axudas de 18 M€ para a industria de compoñentes

Vigo, 11 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe ao traballo conxunto entre a Administración autonómica e toda a cadea de valor do sector da automoción en Galicia para que esta industria saia fortalecida fronte aos retos que está afrontando. “A automoción ten, a día de hoxe, moitas dificultades desde o punto de vista regulatorio, da electrificación, a competencia con economías con custos laborais e medioambientais máis laxos, e necesitamos, sen dúbida, facelo moi ben, primeiro de todo, os gobernos”, dixo.

Acompañada da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, e do secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, Lorenzana asistiu hoxe á presentación do proxecto ‘Facendo Plus’, liderado por Stellantis Vigo en colaboración co CTAG, Gradiant, Aimen, EnergyLab, a Universidade de Vigo e as empresas Unimate Robótica, SFC Solutions, Probotec e Itera Técnica. Un proxecto que se enmarca na última convocatoria do programa de axudas da Xunta ‘Fábrica Intelixente e Sustentable’ (24 M€) que, desde 2016 e nas súas cinco edicións convocadas, prestou apoio a 24 iniciativas de innovación industrial que mobilizaron 271 M€ en investimentos.

Na súa intervención, Lorenzana puxo en valor como cada ano a automoción en Galicia consolida cifras récord. En facturación, un 12 % máis en 2023, ata acadar os 13.000 M€. En exportacións, en 2023 marcou o seu mellor dato histórico, con 9.400 M€, o que supón un incremento do 14 % con respecto a 2022 e equivale ao 31,3 % do total de exportacións de Galicia. En capital humano, a cifra de persoas traballadoras creceu un 7 % e contabiliza neste momento 24.800 empregos directos. Tamén as vendas de compoñentes ao exterior creceron un 18 % en 2023, alcanzando os 2.050 M€. E en produción nacional, a factoría de Balaídos fabricou o pasado ano o 22 % dos vehículos producidos en España, polo que volve a ser a máis produtiva.

Lorenzana considerou, non obstante, que o fundamental neste momento é evitar a deslocalización de investimentos. Ao respecto, reiterou o compromiso da Xunta co sector, que se pon de manifesto con medidas como o plan director da automoción que se vai presentar este mes e que inclúe a liña de axudas de 18 M€ de fondos propios para apoiar a competitividade, a eficiencia enerxética e os investimentos da industria de compoñentes que acompañan a Stellantis en todo o seu proceso produtivo. E tamén apuntou que a Xunta está traballando en novas liñas dentro dos fondos FEDER asignados a Galicia destinadas ao sector, sabendo que as pequenas e medianas empresas auxiliares xeran máis de 18.000 empregos.

Unha vez máis, a conselleira volveu lembrar que hai máis de 33.000 M€ de fondos en Pertes industriais e o 50 % aínda está sen convocar, polo cal considerou que “aínda hai marxe para que eses fondos poidan chegar ao tecido produtivo e a esas rexións que somos líderes en produción e que temos que seguir séndoo”.

Lorenzana concluíu facendo referencia aos tres piares en que se basea a política económica da Xunta: a desburocratización, coa Oficina Económica do Igape en marcha desde abril; a aceleración de proxectos industriais de máis de 800.000 euros de investimento; e unha planificación enerxética adaptada á planificación de solo industrial a través do mapa industrial no que se está a traballar. Xunto con isto, tamén mencionou o impulso á innovación industrial, cunha nova área de innovación no Igape coordinada coa Axencia Galega de Innovación (Gain), agora dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2024