A Xunta e o Concello de Valga investirán máis de 460.000 € na mellora dos servizos de abastecemento e saneamento da Avenida da Coruña

Segundo o convenio de colaboración subscrito entre ambas administracións, Augas de Galicia achegará o 68,5% dos fondos e brindará apoio e asesoramento técnico, mentres que o Goberno local executará as obras e completará o orzamento

A actuación permitirá renovar determinados puntos da rede urbana existentes na marxe dereita da estrada nacional N-550 ao seu paso polo concello pontevedrés

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Valga investirán 464.248,50 euros na execución das obras necesarias para mellorar os servizos de abastecemento e saneamento na Avenida da Coruña do municipio.

Así figura no convenio que acaban de subscribir ambas administracións esta semana e no que se establecen as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia e o Executivo local que permitan acometer esta actuación así como a súa posterior explotación, conservación e mantemento, nos termos establecidos nas cláusulas.

Concretamente, o organismo autonómico dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ofrecerá apoio e asesoramento técnico para a execución das actuacións previstas ademais de asumir con fondos propios o 68,5% do investimento total previsto (318.223,5 euros).

O Concello de Valga, pola súa banda, encargarase da execución das obras incluídas no convenio, que se incorporarán unha vez rematadas ao patrimonio público municipal como administración competente en materia de saneamento e abastecemento de augas. Así mesmo, o Executivo local tamén achegará o 31,45 % dos custos da actuación, por un importe de 146.025 euros.

Cómpre subliñar que este convenio responde á necesidade do Concello de Valga de renovar determinados servizos urbanos existentes na marxe dereita da estrada nacional N-550 ao seu paso polo municipio, concretamente, na Avenida da Coruña.

Grazas ás actuacións incluídas no acordo de colaboración renovarase a rede de abastecemento para evitar avarías e tamén a rede de augas pluviais existente, que presenta danos ao longo da súa lonxitude, medidas correctoras co obxectivo común de acadar un adecuado funcionamento das mesmas.

Data de actualización: 11/06/2024