Román Rodríguez aplaude o “sacrificio, dedicación e motivación” do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na graduación dun total de 276 estudantes de sete graos e tres másteres desta escola

Vigo, 10 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, participou esta tarde na graduación do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, onde felicitou aos graduados “por ter chegado ata aquí e, sobre todo, pola dedicación, sacrificio e motivación dedicada a estes estudos”.

O titular do departamento educativo do Goberno galego quixo recordarlle aos mozos e mozas que estes anos “foron un traballo de equipo, por suposto voso, pero tamén dos vosos docentes e das vosas familias”. “Porque a comunidade educativa é a nosa fortaleza”, salientou Román Rodríguez, quen os animou a mirar cara o futuro con “ilusión e a iniciar un novo camiño onde aplicar todo o aprendido”. “Galicia precisa da vosa excelencia e da vosa dedicación para seguir sendo un referente, de xente decidida, capacitada, enérxica e con vontade de mellorar as cousas para liderar o seu presente e o seu futuro”, afirmou o conselleiro. “Os vosos triunfos serán tamén os nosos”, rematou.

No acto de hoxe recibiron o diploma un total de 276 estudantes de sete graos e tres másteres. Xunto ás titulacións do ámbito industrial (graos en enxeñarías Eléctrica, en Electrónica e Automática, Mecánica, en Organización Industrial, en Química Industrial e en Tecnoloxías Industriais, así como o Máster en Enxeñaría Industrial), graduouse a terceira promoción do Grao en Enxeñaría Biomédica e a primeira do Máster en Enxeñaría Biomédica, ademais da primeira promoción do Máster en Fabricación Aditiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024