Comezan as xornadas formativas gratuítas sobre o ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’

O secretario xeral para o Deporte destaca a importancia de “erradicar calquera tipo de violencia” na primeira xornada na que participaron unhas 80 persoas co obxectivo de formarse como delegados das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes

Santiago, 10 de xuño de 2023

O secretario xeral para o deporte, Jose Ramón Lete Lasa, inaugurou esta mesma tarde na Escola Galega de Administración Pública a primeira xornada formativa, sobre a aplicación en nas entidades deportivas galegas do Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte.

Esta primeira xornada contou con ao redor de 80 persoas de clubs e federacións deportivas, así como agrupacións deportivas escolares galegas, co obxectivo de formarse como a persoa delegada das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes. En total serán preto de medio milleiro de persoas que participarán nas xornadas formativas gratuítas que se desenvolverán ao longo das sete grandes cidades galegas: Vigo 12 de xuño; A Coruña 13 de xuño; Lugo 19 de xuño; Ourense 26 de xuño; Pontevedra 9 de xullo; e Ferrol 10 de xullo. Actualmente segue aberto o prazo de inscrición.

O mandatario galego, informou que no ano 2022 reportáronse un total de “150 casos de violencia que abarcan desde o abuso físico ata o abuso sexual, violencia psicolóxica, bullying ou presión excesiva”. Lete Lasa lembrou que o deporte é, ademais dunha actividade física, “un instrumento social, un lugar de encontro, un mecanismo de evasión, unha fonte de saúde, unha terapia psicolóxica e, para moitos, un medio de vida”. Deste xeito sinalou a necesidade de “erradicar calquera tipo de violencia, máxime nestas idades temperás” e puxo o acento en “prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo as entidades deportivas como espazos seguros e libres de violencia, promovendo unha contorna de respecto e bo trato”.

Deste xeito nace o ‘Protocolo e protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’ como unha medida pioneira en Galicia, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportiva e extensible por tanto a todas as federacións e clubs. O protocolo foi aprobado este mes de xuño pola Xunta a través do Observatorio Galego de Familia e Infancia, este enmárcase na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. Para o desenvolvemento do protocolo, contouse coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024