O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente da Fegamp, Alberto Varela

A Xunta comprométese a revisar a achega do Goberno galego ao financiamento do Servizo de Axuda ao Fogar

O Goberno galego lembra que, pese a ser unha competencia municipal, a Xunta xa vén incrementando de maneira progresiva as achegas ao SAF e denuncia que o Executivo estatal está a incumprir as súas obrigas cos concellos en materia de dependencia

Na reunión tamén se abordaron os avances no traspaso ao Goberno autonómico das Unidades Asistencias ás Drogodependencias

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, co obxectivo de abordar cuestións que afectan ao eido local como o financiamento de servizos como as Unidades Asistencias ás Drogodependencias (UADs) ou o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF). A reunión enmárcase na rolda dos contactos que o presidente ten previsto realizar ao longo deste mes e que continuará cos presidentes das deputacións provinciais e cos alcaldes de Lugo e Vigo.

Nunha intervención posterior ao encontro, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou que a Xunta xa vén incrementando de maneira progresiva a achega autonómica a este servizo financiando maior parte que o Goberno central. Así, neste 2024 o Goberno galego bate novo récord de investimento con máis de 130 millóns de euros que permiten sumar máis horas á disposición das entidades locais e aumentar a contía a esta prestación que depende dos concellos.

Coa revisión abordada hoxe actualizarase o acordo vixente desde 2021. Nesta liña, o conselleiro lembrou que en materia de servizos sociais, o Executivo estatal debe 200 millóns anuais a Galicia para aplicar a Lei de Dependencia ao asumir menos do 50% do financiamento que lle correspondería.

Na reunión tratouse tamén o caso das UADs que se acordou traspasar á Xunta, polo que se lle solicitou aos concellos implicados a información necesaria para seguir avanzando nos compromisos adquiridos na comisión creada para este asunto.

No que se refire aos avances na comisión técnica de delimitación de competencias que está a avaliar as propostas da Xunta -elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago (USC)-  e a Fegamp, o conselleiro explicou que a Xunta está á espera de que a Fegamp fixe novas datas de reunións desta comisión para continuar a clarificar as competencias de cada administración.

Na intervención posterior á reunión, Diego Calvo sinalou  tamén que o sistema de financiamento local ten que ir asociado á reforma do financiamento autonómico que o Goberno central debe tratar coas comunidades. Nesta liña, a Xunta defende que se teñan en conta criterios como a dispersión ou o envellecemento da poboación.

De feito, para compensar os desfases do actual sistema de financiamento, a Xunta incrementa cada ano as achegas ás entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) acada os 152 millóns de euros este ano. De feito, Galicia foi pioneira en 2011 por garantir por lei a participación mínima dos concellos nos orzamentos da Xunta mediante este fondo. A suma do FCL e o resto das axudas da Xunta ás entidades locais supera os 602 millóns este exercicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024