A Xunta amplía a oferta do instituto plurilingüe de Valga, que contará con dous novos títulos de alta especialización de FP

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, confírmalle ao alcalde que a partir de setembro tamén operará o novo ciclo de Dual Intensiva de Xardinaría e floraría

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia amplía a oferta formativa no Instituto IES Plurilingüe de Valga coa incorporación de dous novos títulos de alta especialización e outro de FP Dual Intensiva, que suman un total de 66 novas prazas no seu conxunto. Así llo trasladou a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, ao alcalde da localidade, José María Bello, durante unha xuntanza de traballo mantida hoxe para analizar distintas cuestións neste eido.

Así pois, a partir de setembro, o Instituto de Valga impartirá, como novidade, os títulos de alta especialización de Mantemento electrómecánico e oferta parcial de mecanizado, e do de Mecatrínica industrial e oferta parcial de Automatización e robótica industrial, con 22 prazas cada un deles. Estes títulos, exclusivos de Galicia, son formacións configuradas ad hoc para atender demandas específicas das empresas.

A maiores, o vindeiro curso, tamén se suma á oferta xeral para este concello o ciclo Dual Intensivo de grao medio de Xardinaría e floraría, con outras 22 prazas.

Trátase, en palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, dunha oferta “moi axeitada á zona de Valga e á súa área de influencia” que dá resposta á demanda empresarial deste concello, onde están instaladas empresas punteiras tanto no ámbito do mecanizado como de xardinaría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024