Rodeiro mellora os camiños de Vistuíde grazas aos 83.500 euros do Plan Marco da Xunta

O Plan Marco da Consellería do Medio Rural deixou máis de 600.000 euros na comarca do Deza-Tabeirós

O delegado territorial destacou a importancia de seguir apostando pola modernización e accesibilidade das zonas rurais

Rodeiro, 10 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Rodeiro, onde a Consellería do Medio Rural investiu máis de 83.500 euros na mellora dun camiño rural en Vistuíde. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan Marco 2023-2024 que mellorará a accesibilidade e a seguridade dos veciños da zona.

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a importancia de seguir apostando pola “modernización e mellora das condicións e comunicacións das zonas rurais”, algo para o que a Xunta “traballa da man dos concellos para conseguir que todos os galegos e galegas gocen dos servizos públicos de calidade que merecen”.

Cabe destacar que o Plan Marco 2023-2024 deixou na comarca do Deza-Tabeirós máis de 600.000 euros repartidos por sete concellos.

Entre eles, ademais do concello de Rodeiro, atópase A Estrada, que recibiu unha achega de máis de 140.000 euros para a mellora de accesos aos núcleos do concello. No caso de Agolada, a achega foi de case 83.000 euros e foi utilizada para mellorar a pista de conexión entre Sangorza e Baiña. No concello de Dozón, o Plan Marco permitiu mellorar os pavimentos dos camiños entre A Lama e Cardelle e dos accesos a Piñeiros, grazas a unha achega de máis de 63.000 euros.

En Forcarei a achega de preto de 79.000 euros permitiu mellorar o camiño de Lamasgalán de Arriba a Pardellas. En Silleda, o concello recibiu máis de 94.000 euros para mellorar o acceso a Balántiga. Por último, en Vila de Cruces, a achega de 68.000 euros serviu para mellorar un camiño en Pazos, na parroquia de Oiros, e outro en Asorei.

Na provincia de Pontevedra, o importe total desta liña de axudas alcanza os 3,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024