Rueda destaca que a Xunta destina 10 M€ a modernizar e reforzar a eficiencia enerxética das empresas turísticas galegas

O Consello aproba unha nova liña de axudas da que se poderán beneficiar tanto os establecementos de aloxamento coma os de restauración

Entre as novidades desta edición están as achegas para instalar paneis fotovoltaicos e renovar electrodomésticos por outros máis eficientes

Trátase dunha convocatoria con criterios máis flexibles para as empresas que se financiará con fondos europeos Next Generation

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico destinará 10 millóns de euros a unha liña de axudas para “promover melloras de eficiencia enerxética” nas empresas turísticas da comunidade “que contribúan á súa sustentabilidade”.

Financiada con fondos europeos, a nova convocatoria busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego e dá continuidade á liña de axudas lanzada o ano pasado por 7 millóns de euros, aínda que flexibiliza e mellora as condicións para poder facilitar a entrada de máis empresas.

Deste xeito, tal e como explicou o presidente, a nova edición inclúe varias novidades. Unha das principais é que poderán recibir achegas tanto os establecementos turísticos de aloxamento “coma os de restauración: bares, cafetarías, restaurantes...”. Ademais, segundo sinalou Rueda, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), e non se pide antigüidade mínima dos edificios que se van rehabilitar. Tampouco hai unha exixencia mínima de aforro enerxético. Outras das novidades é que entre as accións subvencionables este ano inclúese a instalación de paneis fotovoltaicos para consumo propio e a renovación de electrodomésticos por outros máis eficientes.

Será unha convocatoria de concorrencia non competitiva. Poderán beneficiarse os establecementos de aloxamento, así como empresas de restauración, entre as que se inclúen restaurantes, cafetarías e bares. Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70 % do custo total subvencionable do proxecto, aínda que poderá chegar ao 80 % ou 90 % no caso de que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30 %.

Esta liña de axudas sufragará, entre outras accións, a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica coa intención de reducir a demanda en calefacción e climatización de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado ao establecemento turístico. Tamén a mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, con accións como a substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, enerxía xeotérmica ou biomasa nas instalacións térmicas, entre outras.

Tamén se inclúe a subvención para instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, coa instalación de luminarias de maior rendemento e lámpadas de maior eficiencia, sistemas de control por presenza, recolocación dos puntos de luz, entre outras. A subvención tamén cubrirá a renovación de electrodomésticos con clases enerxéticas máis eficientes. Tamén poderán sufragarse sistemas de automatización e control da enerxía. Os gastos subvencionables deberán estar realizados antes de abril de 2025.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024