Valentín García enxalza a orixinalidade na reinterpretación do traxe galego do CIFP Leixa

O secretario xeral da Lingua participa, xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, na entrega de premios do concurso organizado polo centro co apoio de PuntoGal

Ferrol, 10 de xuño 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Centro Integrado de FP Leixa de Ferrol na entrega de premios do seu concurso baseado na reinterpretación do traxe galego tradicional, un proxecto que conta co apoio de PuntoGal na súa liña de impulsar iniciativas no eido da tecnoloxía, a lingua e a cultura.

O certame de deseño propuxo ao alumnado deste centro educativo a creación de bonecas de papel co obxectivo de reimaxinar as pezas máis emblemáticas da vestimenta tradicional, adaptándoas ao mundo actual segundo os cambios no uso de materiais e os roles sociais das últimas décadas.

Neste senso, o responsable de Lingua da Xunta, Valentín García, resaltou a “orixinalidade do concurso” e destacou “o gran traballo de investigación que esta iniciativa propón ao redor da cultura galega, achegándonos unha ollada distinta das nosas raíces e mergullándonos nunha realidade curiosa ao redor do traxe tradicional”.

Tal e como recordou Valentín García, o estudantado participante realizou en febreiro unha visita ao Museo do Pobo Galego, en Santiago, na que el mesmo os acompañou, para recoller documentación e inspiración de cara a desenvolver o seu cometido. Así, puideron contemplar as pezas expostas en sala e outras que forman parte do arquivo, normalmente sen acceso ao público.

No acto de entrega participaron, ademais, a directora do CIFP Leixa, Ana Roel; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro.

Os modelos premiados

O primeiro premio, entregado polo secretario xeral da Lingua, foi para a alumna Mercedes de la Muela Cabanas, seguida de Sara López Bogo, Antía Cabana Fernández, Sabela Ameneiros Varela e Edan Pazos Barroso. Os modelos premiados neste concurso serán producidos de xeito industrial e distribuídos no Museo do Pobo Galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024