O presidente do Goberno autonómico asiste a un almorzo cos participantes de ‘Estrelas solidarias no Camiño de Santiago’

Rueda salienta a calidade como principal atractivo turístico de Galicia e clave para o crecemento do sector

O Goberno galego ten en marcha o Plan de Sustentabilidade Turística en Enogastronomía, dotado de 34,7 M€

A Xunta ampliará o vindeiro curso a oferta para formar a profesionais do sector no Centro Superior de Hostalaría de Galicia cun novo ciclo de Chef en Cociña e Pastelería

Santiago de Compostela,  10 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a calidade é o principal atractivo turístico de Galicia, e tamén a peza clave na que sustentar o crecemento do sector. Durante un almorzo cos participantes da iniciativa Estrelas solidarias no Camiño de Santiago -que reúne estes días en Galicia a máis de 30 cociñeiros que suman 80 estrelas Michelin-, Rueda sinalou que “podemos seguir crecendo sen perder as nosas esencias, e a calidade é o que a xente vén buscando e o que lles podemos ofrecer”.

Neste sentido, o presidente, que destacou entre as cualidades que caracterizan a Galicia o clima, a gastronomía ou a xente, engadiu que “temos moito aínda para seguir expandíndonos e mellorando”, apuntando que a celebración desta iniciativa na comunidade “axúdanos moito neste sentido”.

O vínculo entre gastronomía e Camiño de Santiago son dous dos símbolos de Galicia claves no éxito turístico que se está a experimentar. Rueda agradeceu aos cociñeiros o seu labor como embaixadores da cociña e os produtos galegos por todo o mundo e aos irmáns Barqueiro -propietarios de Casa Barqueiro- que manteñan esta cita gastronómica que cada ano permite exaltar a gastronomía galega con fins solidarios, nesta ocasión para recadar fondos para a Asociación Galega da Síndrome X Fráxil.

Cómpre lembrar que a gastronomía é o segundo motivo que esgrimen os turistas á hora de visitar Galicia, só superado pola natureza. Por iso, a Xunta deseñou con fondos europeos Next Generation o Plan territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía, dotado de 34,7 millóns de euros, para consolidar Galicia coma un destino turístico sostible impulsando iniciativas vencelladas á gastronomía ou á viticultura por toda a comunidade.

Inclúe, entre outras, distintas liñas de axudas e accións destinadas ao sector turístico e ás administracións galegas en xeral, así como 13 Plans de Sustentabilidade en destino, dos que se benefician 80 concellos galegos.

Ademais, o Goberno autonómico reforzará a formación dos futuros traballadores do sector ao ampliar a oferta académica do Centro Superior de Hostalaría de Galicia. A partir do vindeiro curso será posible formarse nun Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería, que contará con 24 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2024