A Xunta convoca por máis de 2,4M € as axudas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para accións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

A Xunta convocou hoxe por máis de 2,4 M€ as axudas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para financiar, a través de préstamos sen xuros, actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas, así como a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

Concretamente e segundo se recolle hoxe na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), trátase da convocatoria para este ano 2024 dunha nova orde de axudas do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído destes municipios.

O obxectivo deste Fondo de cooperación é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do patrimonio construído, co obxecto de recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Neste sentido, o Fondo contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigas. Nestes casos, a normativa vixente permite aos concellos actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, pero moitos concellos non exercen o seu dereito por non dispoñer do financiamento necesario, ao que agora poderán acceder, con xuro cero, a través deste Fondo de cooperación.

A través deste Fondo de cooperación, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) concederá préstamos sen xuros aos concellos para a realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións, co compromiso das administracións locais de devolver as cantidades percibidas.

Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse actuacións promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

Ademais, posibilitan a financiación das actuacións de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído. 

Tamén, a través do Fondo de cooperación, os concellos poderán adquirir inmobles para a súa posterior rehabilitación e elaborar plans especiais de protección.

O plazo de presentación de solicitudes comezará mañá e rematará o 31 de outubro de 2024. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240610/AnuncioC3Q2-310524-0001_gl.html

As entidades locais interesadas en solicitar financiamento do Fondo de cooperación deberán solicitar á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, a sinatura dun acordo de adhesión a dito Fondo no que constarán as actuacións a realizar polo concello, a contía a dispoñer, o prazo e condicións de reintegro e demais condicións para o acceso ao fondo.

Ningún concello poderá realizar unha solicitude de disposición nin acumular a través de diferentes acordos de adhesión máis do 25 % do total do importe co que está dotado o fondo. Ademais, o concello solicitante deberá atoparse ao corrente das súas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas no acordo para a reposición dos fondos.

O Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes está dotado cun importe de 20 millóns de euros procedentes das fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasarán a integrarse novamente no Fondo para que podan ser reutilizadas en novos préstamos.

Dende a posta en marcha do Fondo, o departamento que dirixe María Martínez Allegue, leva concedido préstamos por importe de máis de 24 millóns de euros para impulsar 102 actuacións nun total de 68 concellos para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.

Data de actualización: 10/06/2024