A Xunta amplía en 350.000 euros a orde de axudas para incentivar a adquisición de taxis adaptados de emisións cero ou ECO

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación, que se suma aos 500.000 euros da orde do pasado novembro cuxo crédito xa se esgotou

O prazo de presentación de solicitudes segue aberto ata o 14 de outubro

Os incentivos son de 10.000 euros para coches adaptados á mobilidade reducida, de 4.000 euros para vehículos de cero emisións e de 1.000 euros para taxis ECO

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación de crédito da convocatoria das axudas para incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, e de emisións cero ou categoría ECO cunha dotación de 350.000 euros, ao esgotarse o crédito de 500.000 euros da orde publicada o pasado novembro.

Esta orde de incentivos para o ano 2024 vai dirixida aos titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Consta de tres liñas, que son compatibles entre si, e ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida; a 4.000 euros para vehículos de cero emisións; e a 1.000 euros para a compra de taxis ECO.

O prazo de presentación de solicitudes segue aberto ata o 14 de outubro. Ademais, no caso das axudas para taxi de emisións cero ou ECO poden ser obxecto de subvencións os vehículos novos que se adquiran antes do 31 de outubro de 2024. O mesmo ocorre cos taxis adaptados á mobilidade reducida, se ben tamén poden acceder os que xa foran adquiridos en calquera momento se manteñen o compromiso de actividade durante cinco anos. As persoas beneficiarias da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2025.

O obxectivo é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

A Xunta concedeu a través da convocatoria do ano pasado, dotada con 900.000 euros a compra de 27 vehículos adaptados, de 146 taxis de baixas emisións e de 8 vehículos de emisións cero. Con estas axudas, o Goberno galego apoia os profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto de 3.500 familias e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente. Actualmente existen 265 taxis adaptados en Galicia: 85 na provincia da Coruña, 80 en Lugo, 31 en Ourense e 69 en Pontevedra.

Data de actualización: 10/06/2024