A Xunta organiza as xornadas sobre o control e diagnóstico da rinotraquitis infecciosa bovina por primeira vez con carácter internacional

Terán lugar o mércores 12 e xoves 13 de xuño no Edificio Cinc da Cidade da Cultura

O programa conta coa presenza de expertos a nivel autonómico, nacional e europeo

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez unhas xornadas internacionais sobre a rinotraquitis infecciosa bovina (IBR). Terán lugar o 12 e 13 de xuño no Edificio Cinc da Cidade da Cultura e nelas analizaranse os programas de control da enfermidade no territorio europeo, o diagnóstico laboratorial da mesma e o uso das vacinas nos plans de erradicación.

 

Nas xornadas participarán  diferentes expertos da Consellería do Medio Rural, do Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A nivel nacional tamén se contará coa representación da Consejería de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente de Cantabria e do Departament d’Acció Climática, Alimentació i Agenda Rural de Cataluña.

 

A perspectiva internacional achegarana profesionais do eido de Alemaña (Thüringer Tierseuchenkasse), Irlanda (Animal Health Ireland), Francia (Fédération Nationale des Groupements de Defense Sanitaire) e Bélxica (Université de Liège). Para finalizar o evento celebrarase unha mesa redonda na que se tratará o uso das vacinas de IBR nos plans de erradicación e na que participarán representantes de diferentes empresas farmacéuticas.

 

O programa continúa a liña da xornada técnica sobre o programa nacional de prevención, control e erradicación da IBR que se levou a cabo o pasado ano no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito á Consellería do Medio Rural. Porén, nesta ocasión, amplíase o enfoque ao panorama europeo, dotando de maior profundidade informativa o carácter das xornadas.

Data de actualización: 09/06/2024