Medio Rural promove unha xornada de portas abertas no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

Mostraranse as liñas principais de investigación do centro, así como directrices da Axencia Galega de Calidade Alimentaria no referente á I+D+i

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2024

A Consellería do Medio Rural promove unha xornada de portas abertas no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) o martes 11 de xuño. Neste evento expoñeranse as vías de desenvolvemento da Axencia Galega de Calidade Alimentaria en relación á I+D+i e presentaranse proxectos de investigación do CIAM.

 

A axencia, a través da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria, incentiva os procesos para a actualización e innovación no sector agroalimentario e forestal, difunde o resultado dos coñecementos obtidos nos centros de investigación e incrementa, mediante a formación e transferencia tecnolóxica, o nivel tecnolóxico dos sectores produtivos.

 

Tras máis de 130 anos de investigación agraria en Galicia, o centro de Mabegondo conta con diferentes proxectos relacionados coa produción vexetal e animal, tecnoloxía de produtos, procesos, ambiente, seguridade alimentaria, economía, socioloxía e política agraria. Entre os máis actuais salientan “Estudos preliminares para o establecemento dun programa de avaliación de raza porcina Porco Celta” ou “Control sostible das malas herbas en viveiros”.

 

Outras das súas actuacións teñen como fin o fomento da conservación e do uso e desenvolvemento sostible dos recursos xenéticos endóxenos na agricultura. O obxectivo é potenciar o desenvolvemento e establecemento de produtos agrarios de calidade cun maior valor engadido baseándose na adaptabilidade das variedades cultivadas ao medio ambiente, en diversificar e diferenciar a produción, conservar a diversidade dos cultivos agrarios ou evitar a erosión xenética, entre outras cuestións.

 

As inscricións para a xornada de portas abertas poderanse realizar no correo electrónico ciam.cmr@xunta.gal ou no teléfono 881 881 807.

 

Data de actualización: 08/06/2024