O aulario do Edificio Novoa Santos acolle hoxe e mañá a XXXV Reunión anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia

Gómez Caamaño pon en valor a Estratexia de Oncoloxía de Precisión e o papel decisivo do futuro Comité Molecular de Tumores de Galicia

O conselleiro de Sanidade subliña a importancia que terá o proxecto Xenoma Galicia para o deseño de novos tratamentos oncolóxicos personalizados

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde no acto de inauguración da XXXV Reunión anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia, un evento no que puxo en valor a Estratexia galega de Oncoloxía de Precisión e o papel decisivo que xogará o futuro Comité Molecular de Tumores de Galicia.

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela acolle durante as xornadas de hoxe a mañá, unha xuntanza na profesionais de oncoloxía abordarán os últimos avances xurdidos ao redor da diagnose, os tratamentos e o seguimento dos diferentes tipos de cancro.

Na súa intervención, Gómez Caamaño subliñou a importancia do carácter personalizado que ofrece a Estratexia galega de Oncoloxía de Precisión, unha ferramenta que permitirá adoptar decisións terapéuticas en función dos tumores de cada paciente e que posibilitará ofrecer uns tratamentos máis específicos e eficaces para cada caso.

“Avanzar na Oncoloxía de Precisión contribuirá ao deseño de novos tratamentos e posibilitará anticipar a súa aplicación”, apuntou o conselleiro de Sanidade.

Remarcou, ademais, a importancia que terá neste ámbito o proxecto Xenoma Galicia, que inclúe a creación de un biobanco de mostras co ADN da poboación galega e a realización de cribados xenéticos para determinar que persoas teñen alto risco de padecer cancro de mama, cancro de ovario hereditario ou a síndrome de Lynch, un trastorno que aumenta as probabilidades do cancro colorrectal.

Gómez Caamaño tamén se referiu ao papel que terá o novo Comité Molecular de Tumores de Galicia, onde expertos en anatomía patolóxica, oncoloxía médica, hematoloxía, inmunoloxía e farmacia oncolóxica analizarán dun xeito coordinado que tratamentos son máis eficaces para cada cancro e paciente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024