A Xunta impulsa en Sarreaus os oficios vinculados á produción artesanal da la

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración da 3ª edición do Paseo da La

A cita, que cambia este ano de localización á aldea de Couso, reunirá ata o domingo a produtores de la con Denominación de Orixe e profesionais do tinguido, do fiado e do tecido artesanal

Entre a programación do evento celebrarase mañá o Día Internacional de Tecer en Público e un desfile de pezas elaboradas con la entre as que se poderá ver o xersei ‘Orixe’, do obradoiro Logaro, finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023 

Sarreaus (Ourense), 7 de xuño de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde na inauguración da terceira edición do Paseo da La, que conta coa colaboración da Xunta. Este evento, ao que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, ten como obxectivo dar a coñecer os oficios vinculados á produción artesanal da la con Denominación de Orixe, entre os que se atopan pequenos produtores e profesionais dedicados ao procesado, ao fiado artesanal, ao tinguido e ao tecido destas fibras.

No programa de actividades terá especial relevancia a divulgación das razas autóctonas españolas e a súa importancia no mantemento do noso patrimonio rural, así como a recuperación da la de ovella galega, un proxecto iniciado na primeira edición do Paseo da La e do que se está a comercializar xa a segunda anada.

O Paseo da La é un espazo de encontro no que conflúen pequenos proxectos emprendidos co obxectivo de reactivar producións locais da la e doutras fibras, nas que se controla o proceso de principio a fin e se contribúe a apoiar e reactivar o rural.

Durante o acto, o director xeral destacou que unha das pezas que forman parte do desfile co que comeza o Paseo da La é o xersei Orixe, deseñado e elaborado pola artesá Lola García do obradoiro Logaro (Ourense), unha das impulsoras do Paseo da La e que resultou finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023. Orixe é unha prenda elaborada mesturando diferentes técnicas téxtiles e empregando la de raza de ovella galega, unha peza que, nas súas palabras, “representa a tradición téxtil galega, as técnicas artesanais asociadas ao ámbito doméstico e o noso rural, e que constitúe unha nova vía de reactivación destes sectores”.

O Paseo da La cambia de localización este ano, despois de dúas edicións no Concello de Cabanas pasa a celebrarse na aldea de Couso (Sarreaus). A entrada é gratuíta e os horarios son hoxe venres ata as 22:00 horas; mañá sábado de 10:00 horas a 14:00 horas e de 16:30 horas a 21:00 horas; e o domingo de 10:00 horas a 14:00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024