Lete Lasa destaca ao porteiro rosaleiro Javi Díaz como “parte indivisible da historia do balonmán galego”

Sinálao como un exemplo para todos os galegos e galegas, xa que para competir ao máximo nivel ata os 49 anos é preciso “manter un estilo de vida activo e saudable con moitos esforzos e sacrificios”

Redondela (Pontevedra), 8 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á homenaxe ao porteiro rosaleiro de balonmán Javier Díaz, con motivo da súa retirada tras 32 anos de carreira.

O mandatario galego destacou a Javi como “parte indivisible da historia do balonmán galego” e lembrou que, cunha traxectoria tan dilatada, “formou parte de moitos dos fitos deste deporte en Galicia”. Neste sentido recordou que, na temporada 96-97, cando Galicia contou con catro equipos na máxima división nacional, a Liga Asobal, -Teucro, Cangas, Octavio e Chapela-, Javi xa era un xogador consolidado nun deles, precisamente, en Chapela.

Lete Lasa enxalzou a figura de Javi Díaz que ademais é, con 650 partidos, o segundo xogador con máis partidos da Asobal, tan só por detrás de José Javier Hombrados. Respecto a súa lonxevidade na pista, o secretario xeral sinalou a Javi Díaz como un exemplo para todos os galegos e galegas, xa que para competir ao máximo nivel ata os 49 anos é preciso “manter un estilo de vida activo e saudable con moitos esforzos e sacrificios”.

O responsable da carteira de Deportes, asegurou que Javi vaise sendo un auténtico exemplo e co cariño de todos os equipos galegos nos que xogou: “Vigo, Chapela, Pontevedra, Coruña, Cangas, e como non, O Rosal, a súa terra”.

Data de actualización: 08/06/2024