López Campos salienta a “máxima protección” da ofrenda do Antigo Reino de Galicia tras a súa incoación

Lugo, 9 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na catedral de Lugo na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, onde salientou a “máxima protección” coa que conta este acto institucional e relixioso tras a incoación como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia. 

Neste marco, o responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, resaltou que os trámites para esta declaración están xustificados por tratarse dunha manifestación “sobranceira” da Comunidade e dunha das poucas tradicións vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”. Ademais, valorou o feito de que se manteña de xeito ininterrompido durante máis de tres séculos e medio “reflectindo o carácter de unión do pobo galego” e que constitúe un “feito único” dentro das poucas manifestacións inmateriais vivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2024