A Lama continuará co embelecemento da avenida Barreiro Cabanelas grazas a unha axuda da Xunta

As obras serán posibles grazas á subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas, que deixou na Lama 30.000 euros

Estas axudas deixarán un total de 270.000 euros en nove concellos da provincia de Pontevedra

A Lama (Pontevedra), 7 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu esta mañá a avenida Barreiro Cabanelas, no concello da Lama. Alí visitou o resultado das obras de embelecemento da zona levadas polo concello e aproveitou para informar da continuación das obras de continuación do tramo xa reformado, que serán posibles grazas ás subvencións de Turismo de Galicia a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Grazas a esta axuda de 30.000 euros dáse continuidade a unha obra realizada no ano 2022 ao abeiro destas mesmas subvencións e que permitiu substituír o pavimento de asfalto por pedra para conseguir unha maior harmonía e coherencia coa estética do lugar.

Estas axudas contan cun orzamento de preto de dous millóns de euros en toda Galicia, que beneficiarán a un total de 66 concellos, nove deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 270.000 euros.

Acompañado polo alcalde da Lama, David Carrera, e por algúns veciños da zona, o delegado territorial asegurou sentirse “moi sorprendido pola historia e patrimonio” do lugar, que conta con varios bens declarados de Interese cultural (BIC). Ademais quixo lembrar a importancia de “axudar aos concellos a manter o patrimonio en boas condicións e seguir apoiando accións que dean a coñecer lugares tan  fantásticos e cheos de historia como Laxedo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024