López Campos inaugura no Arquivo de Galicia unha mostra sobre saúde mental, cultura e inclusión social

A exposición Mentes no labirinto reúne documentos do Hospital Psquiátrico de Conxo, en Santiago, do antigo de Toén e do de Piñor, ambos en Ourense

Entre as pezas, 90 documentos e 20 obras, atópanse historias clínicas, escritos, debuxos ou pinturas

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca “o traballo dos profesionais dos arquivos na preservación de materiais para comprender moitos aspectos da vida”

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Arquivo de Galicia a exposición Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión, con motivo da celebración este domingo do Día Internacional dos Arquivos. A mostra reúne documentos procedentes na súa maior parte do fondo documental do Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago), custodiados no propio arquivo do Monte Gaiás, pero tamén do antigo Hospital Psiquiátrico de Toén (Ourense) e do seu herdeiro, o Hospital Psiquiátrico de Piñor.

A través destas pezas, 90 documentos e 20 obras de pequeno formato (pinturas e esculturas), faise un percorrido pola historia destas institucións, extrapolando o seu contido ao tratamento en xeral das enfermidades mentais en Galicia desde finais do século XIX ata a actualidade.

O responsable de Cultura do Goberno galego, José López Campos, destacou neste senso que esta exposición “volve poñer en valor o traballos dos profesionais dos arquivos e na preservación de fondos documentais, esenciais para comprender  moitos aspectos da vida como é neste caso a saúde mental, podendo abordar o tema abertamente”. Así, engadiu, “esta é unha fiestra ao mundo que amosa o traballo conxunto e transversal dos traballadores da sanidade e do mundo da cultura para ofrecer propostas que procuran humanizar e non estigmatizar, tratando de facer unha sociedade máis inclusiva”.

Ademais, o conselleiro de Cultura recordou que esta mostra, que pode visitarse de balde ata o 17 de outubro, vén continuar unha liña de investigación que comezou cunha anterior exposición no Arquivo de Galicia, dedicada ás mulleres do Hospital de Conxo, e que espertou grande interese polo novidoso da súa documentación.

No acto de inauguración estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; pola subdirectora xeral de Arquivos e Centros Museísticos, María del Carmen Calviño; pola psiquiatra do Centro Hospitalario Universitario de Ourense, Alcira Cibeira; e polos comisarios da mostra, Mar García Miraz e Miguel López.

Unha mostra inclusiva

A exposición Mentes no labirinto: saúde mental, cultura e inclusión ten un importante compromiso coa inclusión social e mostra como a cultura, a través de diversas manifestacións artísticas, se erixe nun importante elemento para este fin, particularmente das persoas pertencentes a colectivos sensibles.

Así, o proxecto ArtEspida, desenvolvido polo equipo sanitario do Hospital Psiquiátrico de Piñor, é un bo exemplo de como desestigmatizar ás persoas con diagnoses de trastornos mentais por medio da arte. A esta iniciativa se dedica parte da exposición con material cedido polos seus responsables.

Entre os documentos expostos cómpre destacar as historias clínicas que amosan a incidencia que os conflitos bélicos producen na saúde mental da poboación civil e militar que os sufre. Tamén se poden contemplar diferentes escritos, debuxos, pinturas ou esculturas que amosan a creatividade dos pacientes e que son de grande interese tamén desde o punto de vista diagnóstico e terapéutico.

Exposición no Arquivo Histórico de Pontevedra

No marco da celebración do Día Internacional dos Arquivos, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, tamén visitou esta mañá a exposición Mosteiros e conventos: unha mirada ao seu pasado no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que organiza unha xornada de portas abertas.

A mostra reúne distintos documentos nos que se amosa a presenza e importancia dos mosteiros e conventos da provincia de Pontevedra en diversos ámbitos máis alá do espiritual, como son o económico, o social ou o educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024