A Xunta de Galicia compromete o seu apoio ao tecido industrial ligado á madeira con axudas que este ano xa acadan os 10M€

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na xornada de clausura da asemblea anual da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga)

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, reiterou hoxe o apoio da Xunta ao tecido industrial galego ligado á madeira, con axudas ao sector que este ano xa acadan os 10M€ e apostando por darlle novos usos a este recurso propio.

Aboal, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na xornada de clausura da asemblea anual da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), onde recoñeceu o labor que vén facendo esta entidade, en colaboración coa Administración autonómica, a prol do sector forestal galego. Na súa intervención, avogou por mobilizar a madeira como recurso propio, “baixo criterios de sustentabilidade e racionalidade, xerando emprego e loitando contra o abandono e os incendios forestais”.  

O director de Xera lembrou, tamén, as diferentes liñas de axudas da Xunta para fomentar a actividade do sector forestal-madeira. Achegas como as destinadas a impulsar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais na construción, nas que se dá preferencia a produtos de montes galegos xestionados de xeito sustentable con algunha das certificacións PEFC/FSC ou que dispoñan da marca de garantía Pino de Galicia.

Outra das liñas de apoio ás que fixo referencia foron as que están destinadas a fomentar a dixitalización e a innovación nas pequenas e medianas empresas do sector; para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos; e tamén ás destinadas á valorización das pemes da primeira e segunda transformación e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria.

Así mesmo, tamén salientou as achegas para formar e difundir os produtos e servizos dos bosques galegos, dirixidas tanto a asociacións como Fearmaga, como a fundacións, colexios profesionais ou centros universitarios. Ao respecto, lembrou o bo resultado que están a obter á hora de contribuír á formación dos estudantes e profesionais ligados ao tecido industrial forestal de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024