A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a sede da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) coincidindo co Día Mundial dos Océanos

A Xunta destaca a importancia da colaboración institucional e público-privada para avanzar no coidado dos océanos e da súa biodiversidade

Ángeles Vázquez pon en valor o papel do medio mariño na loita contra o cambio climático e para garantir o futuro do conxunto do planeta

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático agradece o intenso labor que realizan entidades como a Cemma a prol da investigación e a divulgación en relación con distintas especies mariñas que chegan ao litoral galego

O Executivo autonómico lembra que os océanos xeran o 50 % do osíxeno do planeta e absorben o 30 % do dióxido de carbono que se produce nel, polo que se converten nun aliado fundamental fronte ao quecemento global

Nigrán (Pontevedra), 8 de xuño de 2024

A Xunta considera fundamental a colaboración institucional e público-privada para avanzar no coidado dos océanos e da súa biodiversidade pois son un elemento clave na loita contra o cambio climático e para garantir o futuro do conxunto do planeta.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos, onde destacou o intenso labor que realiza esta entidade a prol da investigación e a divulgación sobre os mamíferos ou as tartarugas mariñas presentes no litoral galego en beneficio de toda a cidadanía.

A responsable autonómica, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, incidiu en que as administracións deben rodearse de organizacións comprometidas coma esta e animar tanto ás empresas como ao conxunto da sociedade a actuar tamén de xeito responsable para protexer a biodiversidade do planeta, dentro do que os océanos teñen un papel transcendental.

De feito, Ángeles Vázquez lembrou que o ecosistema mariño xera o 50 % do osíxeno do planeta e absorbe o 30 % do dióxido de carbono que se produce nel, polo que se converte nun gran aliado na loita contra o quecemento global. Un valor ao que se engade a importancia socioeconómica, con actividades punteiras -a pesca, o transporte marítimo ou o turismo sostible, entre outras- que aportan un gran valor engadido en comunidades como Galicia.

A conselleira agradeceu aos responsables da Cemma o labor que realiza a entidade, para o que conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático desde hai máis de 20 anos. Entre as súas tarefas destaca a detección de animais que chegan con dificultades ao litoral, a prestación dos primeiros auxilios e dos coidados posteriores e, no seu caso, a identificación das causas da súa morte.

Un bo exemplo dese traballo son as tres tartarugas -Cadrado, Bili e Grande- que están a recuperarse nas instalacións que a entidade ten en Nigrán, onde reciben os coidados necesarios para ser reintroducidas no mar. A elas engádense outras catro -Cicles, Arou, Udra e Afortunada- que foron enviadas pola Cemma ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, para completar a última fase da súa recuperación antes de ser liberadas en alta mar.

Conmemoración

O Día Mundial dos Océanos celébrase todos os 8 de xuño desde o ano 2008, cando a ONU fixou esta data como referente para recoñecer a importancia que teñen os océanos para o conxunto do planeta. A edición de 2024 conmemórase baixo o lema Espertar novas profundidades.

Este fito é de especial importancia en comunidades como Galicia, que conta con máis de 2.500 quilómetros de costa, desenvolve múltiples actividades vencelladas co medio mariño e ten unhas condicións oceanográficas singulares pola súa situación xeográfica en relación co océano Atlántico e a influenza das correntes mariñas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2024