O concello de Dozón rehabilitará o lavadoiro do mosteiro e o local social de Saa co apoio da Xunta

As obras serán posibles grazas á subvención de 40.000 euros concedida ao municipio ao abeiro das achegas a concellos para desenvolver accións de corrección de impactos paisaxísticos

O ano pasado estas mesmas axudas permitiron realizar actuacións coas que mellorar o estado do lavadoiro de Vidueiros e o local social de Sisto

O delegado territorial destacou a importancia de colaborar cos concellos para que poidan conservar e poñer en valor o seu patrimonio apostando polo fermosismo

Dozón (Pontevedra), 7 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Dozón, que recibiu preto de 40.000 euros como parte das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O representante do Executivo autonómico, que estivo acompañado polo alcalde, Adolfo Campos, detallou que a subvención permitirá restaurar o lavadoiro do Mosteiro e mellorar o estado do local social de Saa, dúas actuacións coas que espera mellorar a paisaxe da contorna.

Neste sentido, o delegado territorial tivo a oportunidade de comprobar o resultado das obras realizadas ao abeiro da convocatoria destas axudas do pasado 2023 no lavadoiro de Vidueiros. Trátase dun espazo moi importante para a veciñanza de Dozón tanto polo seu valor histórico como pola súa localización en pleno Camiño de Santiago (na Vía da Prata). A maiores, a achega do ano pasado tamén permitiu realizar actuacións coas que mellorar o estado do local social de Sixto.

Neste sentido, en anteriores convocatorias o concello de Dozón beneficiouse de axudas por importe de 73.000 euros da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para distintas actuacións de corrección de impactos paisaxísticos. As accións subvencionables inclúen a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais así como a mellora do aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “apoiar aos concellos para que poidan conservar e poñer en valor o seu patrimonio apostando polo fermosismo”. Nesta liña, Reguera destacou as actuacións que se levarán a cabo no concello de Dozón e asegurou que se trata “dunha decisión intelixente, pensando tanto nos veciños como nos turistas e peregrinos que, cada vez máis, pasan por este concello”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024