O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na Coruña na presentación da programación 2024-2025 da formación

López Campos pon en valor a importancia da Orquestra Sinfónica de Galicia para a cultura musical

O conxunto conta cun completo programa que inclúe 35 concertos, 15 en diferentes localidades de Galicia, así como importantes citas no resto do Estado

O responsable autonómico de Cultura destaca a “grande oportunidade para a cidadanía que supón gozar destas actuacións”

A Coruña, 8 de xuño de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na Coruña na presentación do programa 2024-2025 da Orquestra Sinfónica de Galicia, que ao longo dos vindeiros meses actuará na Comunidade galega, Madrid, Barcelona, Valladolid, Bilbao e Xirona na que é a súa segunda tempada con Roberto González-Monjas como titular.

O responsable de Cultura da Xunta gabou o “completo programa” da formación musical, que inclúe un total de 35 concertos de abono na Coruña e 15 actuacións en diversas localidades galegas como son Ferrol, Vigo, Santiago, Mondoñedo, Vilagarcía, Ponteareas e, como novidade esta tempada, Sobrado e Ribeira. Así, José López Campos, destacou que “a presenza da Orquestra Sinfónica nos principais ciclos de concertos de Galicia supón unha grande oportunidade para a cidadanía no senso de gozar do alto nivel que aporta á cultural musical ”.

Durante a presentación, José López Campos, tamén quixo felicitar á Orquestra Sinfónica por “levar o nome de Galicia a distintos puntos de España deixando pegada da riqueza musical galega”. Ademais, tal e como recordou o titular de Cultura, o conxunto estará no Festival Ikfem o 21 de xullo en Tui, en cuxa presentación vén de participar a Xunta pola súa colaboración cun evento que une o talento das dúas beiras do Miño.

Unha tempada con estreas

A nova tempada de concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia inclúe dúas estreas absolutas encargas da propia formación —Cántico para soprano solo de Fernando Buide e Ekphrasis de Nani García— e tres estreas en España —de obras de Glanert, Conneson e Wallen—. Ademais, a agrupación sostén a súa oferta musical para esta vindeira tempada con algúns dos piares esenciais da música orquestral dos séculos XIX e XX, con obras de Mahler, Bruckner, Beethoven ou Shostakóvich.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2024