A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático respondeu unha pregunta na comisión 2ª do Parlamento

A Xunta salienta que o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia recolle unha media anual de 5.000 mostras e realiza ao redor de 200.000 análises

Paula Uría pon en valor o traballo analítico que realiza a entidade, nas súas sedes da Coruña e Pontevedra, para mellorar os servizos e a calidade de vida da cidadanía

Fai fincapé en que o labor que leva a cabo contribúe en gran medida aos bos resultados acadados por Galicia no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

A Xunta salienta que o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia recolle unha media anual de 5.000 mostras e realiza ao redor de 200.000 análises, que permiten executar os programas de seguimento ambiental definidos pola lexislación europea.

Durante a súa comparecencia na comisión 2ª do Parlamento, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor o traballo analítico que realiza a entidade, tanto na súa sede da Coruña como na de Lourizán, en Pontevedra, para mellorar os servizos e a calidade de vida da cidadanía.

Máis polo miúdo, a directora xeral explicou que o laboratorio traballa fundamentalmente en catro programas de control. No caso da calidade das augas continentais, costeiras e de transición, desde 2011 colabora con Augas de Galicia na toma de mostras e na realización de analíticas para determinar o estado químico e ecolóxico das augas naturas da demarcación hidrográfica Galicia Costa. Así, ao abeiro desta colaboración cada ano tómanse máis de 2.500 mostras e realízanse máis de 100.000 analíticas.

A maiores, Paula Uría subliñou que o laboratorio presta apoio a outros departamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático na avaliación da calidade do aire e no seguimento das autorizacións ambientais integradas. No primeiro caso, tómanse unha media de 2.000 mostras de aire ambiente (filtros e augas de choiva) en diferentes puntos do territorio e fanse ao redor de 60.000 análises.

En canto á colaboración cos inspectores ambientais, recóllense preto de 120 mostras anuais en augas pluviais para verificar, coa análise de máis de 28 parámetros, o cumprimento dos condicionantes das autorizacións ambientais integradas.

A directora xeral destacou que a entidade tamén colabora, con Augas de Galicia e coa Dirección Xeral de Saúde Pública, no control dos 16 encoros de abastecemento de auga de consumo humano da demarcación hidrográfica Galicia Costa para realizar unha “detección temperá” da aparición ou proliferación de cianobacterias. De feito, segundo dixo Uría, a “unificación de criterios e a coordinación de esforzos dos tres organismos permitiron a mellora progresiva dos protocolos aplicados, que se basean nas recomendacións da Organización Mundial da Saúde”.

Cumprimento dos ODS

Ademais dos traballos analíticos, o laboratorio tamén colabora cos centros educativos da Comunidade nos programas de formación de alumnado en período de prácticas en tarefas de laboratorio a nivel de formación profesional, grao e mestrado.

De cara ao futuro, o persoal do laboratorio xa está a traballar en retos como a actualización da instrumentación analítica e o coñecemento das novas tecnoloxías para dar resposta ás necesidades derivadas da revisión da normativa ambiental baseada en estudos científicos.

Para concluír, a directora xeral fixo fincapé en que todo o traballo que leva a cabo o Laboratorio de Medio Ambiente contribúe “en gran medida” aos resultados acadados por Galicia no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), nos que a Comunidade supera a media nacional en máis dun 75% en eidos clave como a auga e o saneamento ou a biodiversidade dos ecosistemas terrestres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024