Belén do Campo anima á cidadanía a participar no Festival Mar de Mares que acolle A Coruña e no que a Xunta pon en valor os produtos pesqueiros galegos

A delegada territorial participou na apertura do evento coa inauguración da exposición “O noso rastro no mar” e subliñou o apoio do Goberno galego a través da campaña Galicia sabe Amar

A Coruña, 7 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou, esta mañá, na apertura da undécima edición do Festival Mar de Mares -que terá lugar desde hoxe e ata o 16 de xuño- coa inauguración da exposición “O noso rastro no mar”. A delegada  destacou na súa intervención que “este festival non só celebra a nosa relación co mar, senón que tamén nos convida a reflexionar sobre a súa fraxilidade”.

Belén do Campo subliñou que Mar de Mares bríndanos a oportunidade de educarnos, de tomar conciencia e de comprometernos a ser gardiáns responsables da nosa contorna mariña e lembrou que “durante os próximos días, A Coruña transformarase nun vibrante escaparate de actividades culturais, educativas e recreativas”.

No festival de 2024 a Xunta de Galicia volve facer un importante esforzo por dar a coñecer e poñer en valor os produtos da artesanía e da industria alimentaria ligada ao mar a través do Mercado do Mar, que esta vez terá lugar no Mercado de San Agustín. Este evento permitirá degustar os mellores produtos mariños de Galicia nun ambiente festivo e cheo de sorpresas.

A delegada da Xunta recalcou para finalizar que “a través da campaña Galicia sabe Amar estamos a realizar unha intensa promoción do consumo de produtos do mar frescos e en conserva”. “Este tipo de accións -subliñou- son a nosa forma de devolverlle ao sector todo o que nos dá: traballo, esforzo e sacrificio. Son, en definitiva, amor ao mar de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024