A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe o evento A Galicia Loxística, exemplo de colaboración público-privada no Salón Internacional de la Logística de Barcelona

Lorenzana pón en valor o sector da loxística como chave para o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia

Sinala que Galicia ten un tecido empresarial consolidado e un sistema ben estruturado para atraer empresas á Comunidade

A conselleira explicou que a Xunta está a traballar nun mapa industrial que permita realizar unha planificación do solo máis áxil e ligada ao aproveitamento dos recursos naturais

Subliña os bos datos desde o punto de vista industrial e económico que está a vivir Galicia

Barcelona, 6 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o sector da loxística como chave para o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia ata o ano 2030 e como parte esencial da estratexia industrial que está a desenvolver o Goberno galego.

Lorenzana clausurou o evento A Galicia Loxística, exemplo de colaboración público-privada que se celebrou no marco do Salón Internacional de la Logística na Fira de Barcelona onde subliñou que a Xunta e o Clúster da Función Loxística de Galicia van seguir colaborando co obxectivo de xerar sinerxias “pois non concibimos a nosa política industrial se non é traballando con cada sector e con cada empresa que son os que mellor coñecen as súas necesidades”, apuntou.

Neste sentido, fixo alusión ao convenio asinado entre o Goberno galego e o Clúster que contribuirá a lograr unha maior eficiencia do sistema, cunha especial atención á innovación e á internacionalización das empresas que forman parte da súa cadea de valor. “Temos un tecido empresarial consolidado e un sistema moi ben estruturado para atraer empresas e facilitar a súa instalación en Galicia”, dixo.

A conselleira tamén sinalou que por primeira vez a Xunta acaba de unificar todas as competencias de solo empresarial baixo o paraugas da Consellería de Economía e Industria para “organizar o noso territorio desde o punto de vista industrial e enerxético”.

Así, en relación á planificación industrial, explicou que a Xunta está a traballar nun mapa industrial da Comunidade Autónoma, e buscando zonas con potencial industrial que permita realizar unha planificación do solo máis áxil e “ligada ao aproveitamento dos recursos naturais, tanto eólico como calquera outro de enerxía hidráulica ou almacenamento enerxético”, sinalou. E asegurou que ademais o Goberno galego traballa nunha nova ferramenta, “nun novo fondo público-privado, que será o maior de España e que parte de 300M€ e chegará aos 800M€ pois ata o de agora estamos na fase de captación de investimentos”, explicou.

A titular de Economía e Industria tamén resaltou os bos datos desde o punto de vista industrial e económico que está a vivir Galicia, e neste sentido subliñou os datos coñecidos onte do Índice de Produción Industrial (IPI) rexistrado en abril, que creceu en Galicia un 17%, catro puntos máis que a media nacional. Segundo dixo, “non é un dato casual” e vai en liña co obxectivo marcado polo Goberno galego de conseguir que a achega ao PIB do sector industrial pase en Galicia 16,3% ao 20%, argumentou. “Isto é o que ao final estabiliza a economía e o que permite o desenvolvemento de sectores tan importantes como é o da loxística, que en Galicia representa preto do 12,5% do PIB e entorno ao 12% do total do emprego”, apuntou.

Encontro co Clúster da Función Loxística de Galicia

A conselleira de Economía e Industria, acompañada da directora xeral do Igape, Covadonga Toca, mantivo previamente un encontro co presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoán Martínez, e co seu xerente, Iago Domínguez. Este clúster agrupa unha ampla cadea de empresas loxísticas, cargadoras, fabricantes, consultoras, centros de coñecemento e autoridades portuarias.

No encontro, Lorenzana agradeceulle a súa labor para que Galicia poida anticiparse ás novas tendencias que se están a dar na provisión e no transporte de mercancías derivadas do proceso de globalización e dixitalización da economía.

A conselleira de Economía e Emprego destacou a orde de axudas xa publicadas por importe de 5M€ para a transformación dixital das pemes e que introduce por primeira vez unha liña específica para a dixitalización dos procesos loxísticos e lembrou que a Xunta está a elaborar o plan director do sector da loxística da man de todos os actores representativos do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024