A Xunta recibe 13 ofertas para executar a obra da senda que unirá Pontevedra con Marín

A intervención no treito Mollavao-Praceres, licitada por preto de 6,3M€, permitirá executar 3,5 quilómetros de itinerario pola marxe dereita desta vía autonómica, que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil

Das 13 ofertas presentadas para executar estas obras, 3 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 16 empresas

Na intervención destaca a redución da velocidade dos vehículos coa execución dunha glorieta á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, facilitando o cambio de sentido e o acceso ao aparcadoiro disuasorio en execución

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2024

A Xunta recibiu 13 ofertas para executar a obra da senda que unirá Pontevedra con Marín, na coñecida como a estrada vella de Marín, no treito Mollavao-Praceres.

Esta intervención, licitada por preto de 6,3 M€, permitirá habilitar un itinerario de 3,5 quilómetros de lonxitude pola marxe dereita da PO-546, cun ancho que oscila entre os 2,5 e os 4 metros,  que se complementará cun aparcadoiro, un miradoiro e un parque infantil.

A actuación, que conta cun prazo de execución de 18 meses, prestará especial coidado á seguridade e obrigará a reducir a velocidade dos vehículos, grazas á glorieta que se construirá á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

Esta glorieta facilitará, ademáis, o cambio de sentido dos vehículos que proceden de Marín e que queren acceder ao aparcadoiro disuasorio, tipo carpooling, que se está construíndo apoiándose na traza da propia senda, na contorna do quilómetro 2+800 da PO-546.

Na obra incluirase a mellora tamén das paradas de transporte público, así como na renovación da iluminación do treito e a construción de dúas pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas e outra de 45 metros sobre O Sartán. Esta actuación complementase coas obras xa executadas na mesma PO-546 tanto no treito urbano de Marín, coma en Estribela, Pontevedra.

Data de actualización: 08/06/2024