A Xunta adxudica por máis de 1,1 M€ as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Nigrán e Gondomar

Actuarase nas estradas PO-340, PO-331 e PO-332

As intervencións consistirán na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

Como actuacións complementarias inclúense a reposición de pasos sobreelevados e o pavimentado da zona de aparcamento

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou hoxe por importe de 1.182.948 euros as obras de mellora do firme nas estradas autonómicas PO-340, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Nigrán e de Gondomar.

As intervencións incluídas neste contrato levaranse a cabo pola empresa Narom, S.L. no treito da PO-340, a estrada Tui e A Ramallosa, entre os puntos quilométricos 17+000 e 21+500; na PO-331, que une Torneiros e Gondomar, desde o quilómetro 14+460 ao 19+060; e no treito inicial da estrada PO-332, Nigrán-Vincios, do quilómetro 0 ao 8+560.

As actuacións, que contan cun prazo de execución de 9 meses. teñen como obxecto a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 3 estradas.

Como traballos complementarios inclúense a reposición de pasos sobreelevados e o pavimentado da zona de aparcamento, mediante a retirada do material granular existente ata una profundidade de 30 cm, para a continuación repoñer cunha sección de firme.

As actuacións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

As intervencións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.

Documentos relacionados

Data de actualización: 07/06/2024