A Xunta adxudica a execución das obras de renovación e instalación de iluminación da senda peonil da estrada PO-549, que comunica Vilanova e Vilagarcía de Arousa

A intervención, adxudicada por máis de 236.000 euros, permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€

Reporase a iluminación entre os quilómetros 2+600 e 5+230 e entre o 7+800 e 8, retirando os báculos existentes e colocando outros novos na marxe dereita da estrada

Cada punto de luz estará composto por unha columna de 9 metros de altura cunha luminaria de SETGA ou equivalente de 105 W de potencia

Disporase tamén de iluminación específica e reforzada nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 3+400, 4+600 e 7+850, con 36 LED de alto rendemento

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

A Xunta adxudicou o contrato para executar as obras de renovación e instalación de iluminación na senda da estrada PO-549, ao seu paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

Esta intervención, adxudicada por 236.607 euros á empresa Tecnología Gallega de Mantenimiento y Servicios, S.L., permitirá actuar no itinerario peonil executado nesta vía autonómica en Corón cun investimento de 1,1 M€.

O obxectivo é a instalación de iluminación entre os puntos quilométricos 2+600 e 5+230 e entre os quilómetros 7+800 e 8, coa retirada dos báculos existentes e a colocación doutros novos na marxe dereita da calzada, cunha separación aproximada de 40 metros.

Cada punto de luz proxectado está composto por unha columna de 9 metros de altura, de sección circular, en aceiro ao carbono cun brazo de 1 metro, no que se coloca unha luminaria de SETGA ou equivalente, de 105 W de potencia, con corpo de aluminio extruído.

Disporase tamén de iluminación específica nos pasos de peóns situados nos puntos quilométricos da PO-549: 3+400, 4+600 e 7+850, onde se proxecta a instalación de dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns, con puntos de luz formados por columnas de ata 6 metros de altura, de estrutura cilíndrica en aceiro ao carbono, con brazo orientable, nas cales se instalarán luminarias, con 36 LED de alto rendemento.

No marco do contrato, inclúese a execución da canalización necesaria para a instalación do cableado e as actuacións complementarias de demolición de cimentacións de báculos existentes.

Tamén se reporá o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos que se vexan afectados por esta intervención.

Cómpre lembrar que a senda habilitada na PO-549, ao seu paso por Corón, financiada con Fondos React-UE, comprende un treito de 3,27 quilómetros, dos que os 500 primeiros metros se corresponden co termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Data de actualización: 07/06/2024