A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co director da Climate Alliance para formalizar a adhesión da Xunta á iniciativa

Galicia será a voz das comunidades nos Consellos de Ministros da UE que debaterán este ano sobre os grandes retos ambientais, enerxéticos e climáticos

Ángeles Vázquez anuncia que asumirá a representación autonómica durante as dúas reunións previstas para o segundo semestre do ano en Luxemburgo e en Bruxelas

A participación do Goberno galego esixirá a creación dun equipo interdepartamental con expertos de diversos eidos e canalizarase a través dos grupos de traballo encargados de analizar a normativa en tramitación e o resto de asuntos a tratar

A responsable autonómica vincula a súa adhesión a esta rede internacional ante o quecemento global co compromiso da Xunta cunha transición climática xusta

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

Galicia será a voz das comunidades autónomas españolas durante as reunións do Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE programadas para o próximo semestre e que se celebrarán en Luxemburgo no mes de outubro e en Bruxelas o próximo decembro.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no marco do acto de adhesión de Galicia á Climate Alliance, unha organización a nivel mundial que promove medidas locais fronte ao cambio climático e cuxo director, Thomas Brose, visitou a comunidade co gallo da semana do medio ambiente.

Segundo explicou a responsable galega, a Xunta asumirá a representación autonómica en ambas xuntanzas e será a encargada de defender a postura común ante as distintas materias e normativas que se sometan a debate e consideración en relación aos retos de futuro relacionados co medio ambiente, a transición enerxética ou o cambio climático.

Deste xeito, entre os asuntos máis relevantes que marcarán o próximo semestre figuran a preparación da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP 29) de Bakú, en Acerbaixán, e diversas medidas relacionadas co proceso de transición ecolóxica xusta iniciado pola UE, a normativa derivada do Paquete Contaminación Cero en materia de augas e solos ou a revisión da Directiva de residuos comunitaria.

Tal e como explicou Ángeles Vázquez, a participación galega neste sistema de representación ante a UE esixirá crear un equipo interdepartamental conformado por expertos en diferentes áreas e materias que deberán implicarse de forma activa e directa nos grupos de traballo de medio ambiente do Consello, onde se analiza a normativa en elaboración relacionada con este eido, e asumir a coordinación co resto de comunidades e co Estado.

Neste sentido, Galicia liderará o proceso para adoptar un documento de posición común sobre os asuntos a tratar nos dous Consellos de Medio Ambiente do próximo semestre. Esta postura será defendida por Ángeles Vázquez no marco do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios, órgano no que están representadas a Administración xeral do Estado, as comunidades e as cidades autónomas.

Nas sesións que se celebrarán en Luxemburgo e Bruxelas, a conselleira acompañará á titular do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como membro da delegación nacional e está previsto que tome a palabra na quenda de España para defender a postura común das comunidades sobre un asunto previamente consensuado.

Reforzar a posición galega de vangarda

Nun contexto marcado pola transición enerxética e os grandes desafíos do cambio climático, Vázquez Mejuto salientou esta mañá a importancia de que Galicia asuma a representación do resto de comunidades ante os ministros de medio ambiente.

Por iso, explicou que aproveitará ambos foros para facer valer a súa situación como unha das rexións europeas mellor posicionadas para avanzar cara á neutralidade climática. De feito, lembrou que en 2022 reduciu as emisións brutas de gases de efecto invernadoiro nun 33% respecto a 1990 (en liña cos obxectivos europeos e consolidando a súa posición como a segunda comunidade española cunha maior redución), e supera con creces o obxectivo de produción enerxética renovable ao alcanzar xa o 75% en 2023.

Neste sentido, a Climate Alliance, con case 2.000 socios procedentes de 26 países, coordina actuacións do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, unha iniciativa que suma xa 285 concellos galegos e que recibiu un pulo importante nos últimos anos, tras asumir a Xunta o papel de coordinadora do pacto na comunidade.

Coa súa incorporación a esta rede e o impulso a nivel autonómico de iniciativas como a Alianza Galega polo Clima ou a Rede Local polo Clima, Galicia continúa a demostrar o seu compromiso coa acción climática xusta e ambiciosa, co reto de manterse á vangarda nas políticas neste eido e no uso de ferramentas de apoio ás estratexias de acción global.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024